A Federación Galega de Ciclismo organiza un curso de Soporte Vital Básico e DESA dirixido a xuíces árbitros e técnicos (directores, monitores, mecánicos, masaxistas, etc) con licenza en vigor no 2019 e impartido pola Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias. Celebrarase o sábado 26 de outubro, dende as 09:00 horas ata as 14:00, na Casa do Deporte de Vigo.
Ata o mércores 16 de outubro manterase aberto o prazo para a presentación de solicitudes de carreiras e marchas, a través da plataforma web, co fin de elaborar o Precalendario autonómico 2020 de todas as modalidades e categorías.
A falta de dúas probas puntuables para o remate da Copa de España de Ciclismo Adaptado, Mila López xa ten no peto o título na categoría WH4. A baionesa do Club Ciclista Riazor sentenzou esta fin de semana a xeral da súa categoría vencendo no Circuito de Cheste (Valencia), onde o seu compañeiro de equipo Luis Árcega logrou a vitoria na carreira MC3.
Catrocentos ciclistas estrearon este domingo a Copa Galicia 2019 no III Ciclocross Poio Móvese. A primeira das catorce xornadas do certame autonómico tivo como grandes triunfadores á júnior portuguesa Ana Santos e ao elite porriñés Jacobo Ucha (Marcisport). Outros doce corredores subiron ao máis alto do podio no circuíto da Seca.
O BTT galego baixou o pano da temporada 2019 nun escenario de luxo. O espectacular circuíto de Xunqueira de Espadanedo acolleu este domingo o Campionato de Galicia de Descenso e a última xornada da Copa autonómica. Marco Veiga (CiclosQuintena) e Uxía Álvarez (Coruxo) foron os máis rápidos no trazado ourensá deseñado polo Clube Ciclista Maceda.
Chega a cita definitiva e máis importante da temporada galega de Descenso. Nunha baixada de 2,5 quilómetros poranse en xogo este domingo os títulos do Campionato de Galicia DHI e os maillots finais da Copa autonómica. O circuíto da localidade ourensá de Xunqueira de Espadanedo exercerá de xuíz por partida dobre.
O percorrido leva o selo do Clube Ciclista Maceda e acumula 500 metros de desnivel positivo. Os pilotos que non o coñecen terán a oportunidade de descubrilo na xornada de adestramentos do sábado, entre as 15:00 horas e as 19:00.