Alexandre García conquistou a Copa Galicia Cadete en Viveiro





Modalidades: 

O 36º Gran Premio San Roque pechou o pasado sábado a Copa Galicia Cadete de estrada e Alexandre García (Redondela Il Piccolo) defendeu con éxito o seu maillot de líder na proba organizada polo Club Ciclista Viveiro. 

O representante da formación redondelá rematou quinto nos 40 quilómetros de percorrido pola capital da Mariña Occidental, un resultado que lle outorgou o título do certame autonómico. O vencedor desta terceira e última xornada puntuable foi  Samuel Fernández (MMR Academy), que se impuxo por diante de Isaac Gracia e Rubén Fandiño, segundo e terceiro respectivamente lucindo as cores do Zona Cycling. 

Na clasificación final da Copa o gañador sumou 61 puntos, superando en seis a Fandiño e en catorce ao terceiro clasificado, Martín Rey (Aluminios Cortizo). García, vencedor da carreira inaugurual en Boiro, soubo conservar en Carballo e en Viveiro o primeiro posto da xeral. 

Por outra banda, a celebración do Gran Premio San Roque supuxo o arranque do Trofeo AsturCántabroGalego 2019. Esta competición consta de catro citas puntuables. A seguinte disputarase o 26 de xullo en Puente Arce (Cantabria).