Ángel Sánchez ficha polo Miranda Mortagua portugués





Tema: 

Tras cinco tempadas no W52 Porto, Ángel Sánchez decidiu cambiar de aires. O ciclista cambadés militará a próxima tempada no Miranda Mortagua, tamén portugués. Un club moito máis modesto que no que militara ata o de agora o corredor arousán e esa é unha das claves que explica a decisión que tomou.

«En Portugal tes que correr a Volta para ser recoñecido e conseguir un bo contrato», explica. E el no conxunto do Porto non tiña oportunidades dada a calidade dos seus compañeiros de equipo.

Na súa nova escuadra, Sánchez terá que asumir moitas máis responsabilidades. Entre outras cousas porque o número de compoñentes do equipo é moito menor no seu novo equipo que no anterior e, por tanto, ao cambadés tocaralle exercer de gregario nalgunhas das probas, pero de punta de lanza noutras.

Aínda non ten moi definido Ángel Sánchez o seu calendario de probas para a próxima tempada, pero si sabe que o seu equipo correrá, evidentemente, todas as probas de Portugal e, probablemente, dúas ou tres probas en España que poderían ser as voltas a Asturias, Castilla-León e Madrid.

 

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Martina Miser