ASER ESTEVEZ E CHUS BARROS VENCEN NO CAMPIONATO DE GALICIA DE CRI


Campions de Galicia CRI 2018



 O ciclista Aser Estevez Cividanes (Cortizo Anova) revalidou o seu título de Campión de Galicia de Contrareloj individual tras impoñerse na proba disputada en Cerceda. O corredor da Guarda era o último en tomar a saída dada a súa condición de vixente campión e soubo administrar as referencias para completar os 15,7 kilometros de percorrido nun tempo de 21 minutos e 28 segundos. Estévez suma con este campionato un total de once títulos autonómicos no seu palmarés. O seu compañeiro de equipo, jesús Nanclares foi o segundo mellor tempo en meta e completaba o triplete do conxunto de Padrón, Samuel Branco. A condición de campionato de Galicia ampliou o podio ao cuarto clasificado, Óscar González ( Froiz) terceiro mellor galego da proba.

En categoría feminina, a veterana Chus Barros (Spol) avantaxou en máis de dous minutos ao seu principal rival, María José Gómez ( Caeiro) que foi segunda. Sonia Parente ( Arcadecycles) completou o podio de mulleres.

Cerceda viviu unha xornada maratoniana ao rexistrarse a maior inscrición de ciclistas da historia para loitas contra o crono. Por vez primeira foron os competidores de ciclismo adaptado os que abrirían a proba. Ivan Montero (Riazor Mh5) e Milagres López ( Ifit Wh4) serían os primeiros en lograr o ansiado título de campións.

As categorías master e mulleres sucedéronse cunha cadencia de 30 segundos entre participantes para afrontar un trazado esixente cun tramo inicial que acumulaba un desnivel de 300 metros e restaba forzas para afrontar os últimos quilómetros.

O primeiro tempo de referencia marcaríao Javier de la Fuente ( Norinver) ao cabo Campión entre os master 50. O seu rexistro de 24:03 bateríano os seus compañeiros de equipo Rubén Fernández (23:56) e Eduardo Tajes (23:52), prata e ouro respectivamente en master 40. O vigués do Chantadino, Iago Alonso impoñíase en master 30 cun tempo de 23:43 que significaba un novo reto para os participantes e que rebaixaría primeiro o campión junior Brais Cima (Ponteareas) con 23:21 e posteriormente os corredores sub23.

Foi precisamente o pelotón dos novos talentos do ciclismo galego os que mostraron o seu mellor nivel. Dous dos tres integrantes do podio final baixaron dos 23 minutos sendo o ouro para o Campión de España junior do pasado ano, Guillermo García ( Froiz) que no seu debut na categoría marcou un 22:31 que acabaría entre as dez mellores marcas da xornada. Diego González ( Froiz) foi prata entre os sub23 (22:40) e completou o podio o bronce de Alex Regueiro ( Polartec) con 23:07.

Ademais das ciclistas elites, tamén se repartiron os títulos entre as mulleres con triunfo da ourensá Noela Saa (Maceda) en cadetes; Carla Fernández ( Meruelo) en junior; Carla Castaño (Compostelán) en sub 23 e Lydia Adelin (2.0) en master.

Tras este campionato, os ciclistas galegos preparan xa unha nova cita autonómica coa disputa o vindeiro domingo do Campionato de Galicia en ruta que se celebrará na localidade coruñesa de Cambre.