Bo papel dos junior na crono dos Campionatos de España e prata para o master 40 Raúl Portillo do Norinver galego





Arrincou a participación dos representantes galegos nos Campionatos de España junior e master que se celebran en Soria. Os junior Carla Fernández e Brais Cima debutaron cun meritorio sétimo posto na CRI que abría o programa de competición mentres Uxio San Martin conseguía acabar no top 20 da proba. Nesta primeira sesión celebráronse as probas contra o crono, nas que todas as categorías participantes tiveron que facer fronte ao mesmo percorrido de 18,7 quilómetros, con inicio e final na capital castelá.

Os primeiros en entrar en acción foron os ciclistas master, unha categoría con presenza galega e un novo éxito para o recente campión do mundo o karranzano do conxunto galego do Norinver Raúl Portillo que pechaba a súa participación na crono coa medalla de prata na categoría de 40 B. José David Gómez foi o vencedor cun rexistro de 25 minutos e 9 centesimas mentres Portillo lograba o subcampeonato a 28 segundos do ouro. Carlos Pacios pechou o podio deste grupo de idade que completaron en canto á participación galega Carlos Prado (De la Fuente) como 12º a 4`45 do gañador e Manuel Vázquez ( Norinver) que foi 15º a 7`38. Javier Martínez Durán e Mario Villanueva (De la Fuente) competiron en 40 A finalizando 17º e 20º respectivamente.

Tras os master chegou a quenda para as mulleres junior nas que Galicia contaba con Carla Fernández como única representante dun colectivo de 30 ciclistas. A galega, a pesar de contar con boas referencias, non puido pelexar por postos de podio e cruzaba a meta por detrás das representantes de Euskadi Luisa Ibarrola e Naia Amondarain ademais da catalá Mireia Trias con tres corredoras aínda por finalizar, as tres favoritas que coparían o podio. Vitoria para Lorena de la Fuente cun tempo de 30 minutos e 27 segundos. O subcampeonato foi para a catalá Ariana Gilabert e o bronce para a navarra Irati Puigdefabregas.

En canto á categoría masculina, Brais Gómez non puido aproveitar o feito de ser o último ciclista en tomar a saída e tivo que conformarse cunha sétima posición a 1 minuto 03 sgs do gañador, o andaluz Carlos Rodríguez que fixo bos os prognósticos que os situaban como principal candidato ao título. Iván Cobo (Cantabria) obtivo o subcampeonato e o asturiano Pelayo Sánchez completou o medalleiro. Uxio San Martín pechou o top 20 da clasificación cun tempo en liña de meta de 28 minutos e 06 segundos.

O sábado terán lugar as probas en liña do Campionato de Master. Abrirán a xornada as categorías masculinas Máster 50 e 60, xunto coas femininas Máster 30-40-50-60, tomando a saída ás 08:30 horas fronte á praza de touros da cidade. Serán 77,1 quilómetros os que terán que percorrer os participantes para determinar quen se converte en novos campións de España. Ás 11:10 horas chegará a quenda para os Máster 40, que afrontarán un trazado de 83,9 quilómetros. A xornada sabatina tocará ao seu fin coa disputa da proba para os Máster 30, que haberán de completar 123,7 quilómetros de percorrido.

O domingo arrincará coa proba para as mulleres junior ás 08:30 horas; as promesas do ciclismo feminino terán que afrontar 77,1 quilómetros. Mentres que ás 10:45 horas tomarán a saída os últimos en poñerse en liza, os junior masculinos, que completarán o mesmo percorrido que os Máster 30: 123,7 quilómetros.

Foto ©RFEC Novos campións de España CRI de master e junior

Enlace resultados junior e Enlace resultados master