A boa sorte non acompañou ao junior Guillermo García na proba de fondo do Campionato do Mundo





Guillermo García non regresa con bo sabor de boca da súa experiencia no Campionato do Mundo de estrada en Bergen (Noruega). O junior pontevedrés buscou este sábado resarcirse da súa actuación na contrarreloxo individual, na que competiu mermado por un resfriado e rematou 39º, pero a boa sorte non o acompañou na proba de fondo. 

O ciclista galego finalizou no posto 101º a 10:03 do gañador Julius Johansen (Dinamarca) despois de completar os 133 quilómetros de percorrido "nos que me pasou de todo.  No km 10 empuxáronme contra o guardarraíl e tiven unha caída. Logo víame afectado por outra na estrada cara a Bergen e o mesmo nas dúas primeiras subidas no circuíto. Custoume remontar pero fíxeno, ata que ao final acuseino e descolgueime definitivamente. Cheguei case chorando ao autobús porque tiña moitas ilusións na crono e non puiden facelo ben polo arrefriado. E hoxe que estaba xa case recuperado, tiven a sorte en contra. Voume moi desgustado deste Mundial".