Borges e Duarte dominan no regreso do VigoBikeContest a Coruxo





Modalidades: 

O regreso tras os incendios do VigoBikeContest aos montes de Coruxo non puido ser máis doce na apertura da Copa Galicia de Enduro 2019. Uns circuítos excelentes para a práctica do enduro, un récord de participación con 220 riders disputando as probas e un público local entregado, animando en todos os tramos. 

A vitoria absoluta tamén foi de relumbrón. O elite portugués Ze Manel Borges (BH Miranda), rider habitual do top 10 das Enduro World Series, non se quixo perder a proba galega antes de empezar as súas competicións internacionais e acudiu a Coruxo a demostar a súa fortaleza, onde se impuxo en todos os tramos cunha solvencia digna os grandes campións.

Catro tramos cronometrados individuais e unha avalancha en grupos de 20 onde tamén se impuxo chegando con certa marxe á liña de meta en Fragoselo. Para o campión portugués esta proba era "un bo test para as Copas do Mundo que van empezar". "Estes montes son unha marabilla para montar o bicicleta e síntome moi arroupado pola afección española", engade.

O segundo clasificado foi o máster-40 José Manuel Vaqueiro (VK Bikes), un rider local que recoñecía que "os tramos traballeinos e coideinos  nos últimos anos xunto a máis xente e coñézoos á perfección. Estou moi satisfeito de facer segundo detrás de Borges, aínda que creo que debeu conservar bastante porque me estrañou estar tan preto del nalgún tramos".

Nicolás Carrera (Bike Comp Sta. Cruz), campión de España júnior o pasado ano e que este debuta na categoría sub 23, facíase coa terceira praza absoluta.

Entre as mulleres, Desirée Duarte (Condado Bike) desmostrou que, como campioa de España que é, non ten rival. Adxudicouse todas as mangas individuais cuns ritmos altísimos e arrasou na avalancha onde a parte máis física do percorrido sacou a relucir o seu pasado como experta en ciclocrós que foi. As portuguesas Ana Leite (Vila do Conde) e Gabriela Ferraz (Terras do Bouro) custodiaron a Duarte no podio.

O que fora campión de España de DH e de Enduro Toni Ferreiro (Coruxo) gañou na categoría de E- Bikes, modalidade na que vai competir este ano a nivel internacional.

Ao máis alto do podio tamén subiron como gañadores das súas categorías o cadete Anxo Carril (Coruxo), o júnior Mario Lorenzo (Rosal), o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) e o máster-50 Carlos José Táboas (Quebici-Marcisport).

 A segunda xornada puntuable para a Copa Galicia de Enduro celebrarase o vindeiro domingo, 17 de marzo. A localidade pontevedresa de Ponteareas será o escenario do I Enduro ADC Picaraña-BizieBike. 

 

Texto e Foto: Faro de Vigo