Borja Gómez recibe a chamada da Selección de Galicia para participar no Campionato de España Loterías de Ciclocross





A Federación Galega de Ciclismo decidiu incluír a Borja Gómez, corredor do Clube Ciclista Ponteareas, na convocatoria da Selección de Galicia para participar no Campionato de España Loterías de Ciclocross que se disputará do 12 ao 14 de xaneiro na localidade guipuscoana de Legazpi. Con esta citación búscase darlle visibilidade ás persoas con discapacidade que practicando ciclismo son todo un exemplo de integración e superación.

Borja xa é un habitual das probas do calendario galego de ciclocross e por primeira vez representará a súa comunidade autónoma na gran cita estatal desta modalidade. Pola súa constancia e espíritu de sacrificio convertiuse nun referente para outros nenos con algún tipo de discapacidade e que desaxan gozar co deporte. 

Dando este paso adiante a Federación Galega de Ciclismo pon en valor o traballo que está facendo a prol da integración das persoas con discapacidade. Deste xeito, quérese abrir un camiño que non dubiden en seguir outras seleccións. O organismo autonómico está volcado no apoio a estes deportistas  e esta medida únese a outras. Este ano a Selección de Galicia participou nos Campionatos de España de ciclismo adaptado con seis handbikers, unha cifra nunca ante alcanzada. Ademais, a nivel individual os ciclistas galegos teñen recibido becas para competir ao máximo nivel no calendario estatal.  

 

Foto: Luz Iglesias