Brais Gómez logra o oitavo posto na segunda xornada da Vuelta Ciclista Júnior Ribera del Duero





A Selección de Galicia segue colleitando resultados destacados na Vuelta Ciclista Júnior Ribera del Duero. Este venres Brais Gómez rematou oitavo na chegada a San Esteban de Gormaz e co seu mesmo tempo, a 38 segundos do gañador Carlos Rodríguez (Kometa), cruzou a liña de meta Manuel Rodríguez, que na xeral ascende á decima praza. 

Os 95,4 quilómetros de percorrido tiveron como vencedor en solitario ao novo líder da carreira, que se impuxo no pulso ao grupo perseguidor de 33 unidades. Nese pelotón Gómez meteuse no esprint, o galego Miguel Ángel Mera (MMR) asinou o 14º posto e Rodríguez, o 23º. A 6:13 finalizou un segundo grupo numeroso do que formaron parte Daniel Sanín, Manuel Sampedro e Raúl Casalderrey. Pola súa banda, Gianni Iannelli concluíu a tirada a 11:11. 

Na xeral Manuel Rodríguez ascendeu tres prazas e segue sendo o mellor clasificado da Selección de Galicia. O líder aventáxao en 1:02. Mera aparece na 18ª posición e Gómez, na 22ª. Esta rolda de catro xornadas celebrará este sábado a súa penultima etapa. Será unha contra o reloxo de 8,2 Km entre Hontoria de Valdearados  e o castelo de Peñaranda de Duero.

 

Clasificación