Brandan Márquez obtivo a medalla de bronce no Campionato de España de BTT Ultramaratón





O vencedor das dúas anteriores edicións non puido prolongar a súa hexemonía, pero Brandan Márquez volveu pisar o podio do Campionato de España de BTT Ultramaratón. Defendendo as cores da Selección de Galicia, o elite vigués acadou a terceira praza ao remate dos 200 quilómetros do Gigante de Piedra. O seu compañeiro no combinado autonómico Delmiro Acevedo finalizou sexto na clasificacións máster-30B.

A chuvia acompañou aos bikers durante boa parte do percorrido por terras castellonenses, onde Márquez tivo que xestionar case toda a carreira á contra. No treito inicial Llibert Milt (Cicles Catalunya) marchouse por diante e o galego do Gexa / X-Sauce asumiu o peso da persecución.

O fugado chegou a gozar dunha renda de case 8 minutos, unha vantaxe que pouco a pouco foi rebaixando Márquez ata darlle caza no quilómetro 155. O vigués levouse a súa roda a Guillem Muñoz (Blue Motors) e a Joseba Albizu (Lagun Onak). "En canto empezaron a apertar, dinme conta que tiña gastado de máis", afirmou o representante elite de Galicia, que non puido respostar ao cambio de ritmo de Muñoz e Albizu no treito final. 

Na última baixada chegou a contactar co corredor do Blue Motors para loitar pola segunda praza. Mentres Albizu se impoñía cun tempo de 09:51:41, Muñoz atacaba de novo ao galego no último quilómetro e cruzaba a liña de meta a 6:04 do gañador e 14" antes que Márquez. "Puido ser mellor, pero salvamos o día co terceiro posto", valorou.

Pola súa parte, Acevedo completou a proba cun tempo de 11:15:14 e o biker do Burgas Bike Team meteuse no Top-10 da súa categoría no seu primeiro ano nesta modalidade.  Entre o resto de participantes galegos neste ultramaratón, destacou a medalla de bronce obtida por Domingo Villafáñez (C.C. Riazor) nos masters-50B despois de 16 horas 13 minutos e 13 segundos de esforzo. 

 

 

Clasificación