Cadetes, juniors e mulleres buscan os títulos autonómicos de estrada este sábado en Monforte





Modalidades: 

Douscentos corredores daranse cita este sábado en Monforte para pugnar polos títulos autonómicos de estrada que aínda non foron adxudicados neste 2019. Na capital da comarca de Lemos poranse en xogo as coroas cadetes e juniors masculinas, así como as das categorías femininas dende cadetes ata masters. O evento, que arrancará ás 15:00 horas, presentouse este mércores na casa consistorial da cidade do Cabe. 

Este acto contou coa presenza do alcalde monfortino e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; do concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán; do presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Juan Carlos Muñiz; e do director técnico e seleccionador da FGC, Guillermo Sande. 

O circuíto previsto, que percorrerá diversas rúas de Monforte e chegará ata o concello de Sober, terá unha lonxitude de 18 quilómetros. Ás 15 horas vivirase a saída da categoría Júnior, que dará 5 voltas a este trazado; ás 17:30 será a quenda dos Cadetes, con tres voltas ao circuíto; as mesmas que darán a partir das 19:00 as participantes na carreira das mulleres. Esta última, será a categoría estrela da proba, en verbas de Sande, xa que “integrará a participación das corredoras cadetes, juniors, sub 23, elites e masters”.

Tomé destacou a importancia que ten para Monforte acoller unha proba destas características: "Para o noso Concello é un pracer acoller eventos desta índole, xa que somos conscientes da importancia que ten o deporte na formación dos rapaces e rapazas non só no apartado deportivo, senón no propio desenvolvemento integral das persoas".

Pola súa parte, Muñiz subliñou o compromiso e a colaboración do concello anfitrión na organización deste campionato, que "converterá á cidade do Cabe na capital galega do ciclismo durante esta fin de semana". Como mostra deste agradecemento, o presidente da FGC obsequiou ao Concello cun maillot enmarcado, correspondente á Volta a Galicia que comezou en Monforte no 2017.