A calor non derreteu ao invicto Iván Feijoo no Trofeo Federación de Oroso





Tres de tres para Iván Feijoo no Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO). Nin os seus rivais nin a abafante calor do pasado sábado puideron poñer fin no concello coruñés de Oroso á imbatibilidade do sub23 do Academia Postal-Maceda. As diferenzas rexistradas na liña de meta ofrecen unha idea da dureza que se atoparon o centenar de participantes na proba organizada polo Tambre Bike. 

Todas as categorías resolvéronse por unha marxe superior ao minuto e medio, excepto a elite masculina na que Alberto Pedreira (Bici Verde) venceu por menos de 30 segundos de vantaxe. Os indiscutibles gañadores foron Laura Capa (Aleata-Farto) e Anxo Carril (Coruxo) en cadetes, Andrea García (Academia Postal-Maceda) e Xoel Montes (Avanza) en juniors, Zaida González (O Rosal) nas sub23, Desiree Fernández (RSBike) nas elites, Fernando Díaz (Eskornabois) nos máster-30, Marcos Mayo (Noela) nos máster-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50/60. 

Nun circuíto técnico a esixencia incrementouse de xeito notable pola alta temperatura. "Sabía que se ía pasar mal pola calor", sinalou Feijoo, que dende a primeira volta distanciouse en solitario á fronte da carreira raíña masculina: "Despois do arreón inicial collín o meu ritmo e volta tras volta fun aumentando as diferenzas".

O biker de Allariz reforzou o seu liderado no Trofeo Federación adxudicándose o III XCO Concello de Oroso cun tempo de 1:22:55. Outro sub23, Pablo Álvarez (Cambre-Renault Caeiro), rematou segundo a 1:33 do ourensán e coa terceira praza na táboa absoluta fíxose o elite Pedreira. O porriñés do Bici Verde superou por 26" nun man a man entre paisanos a Jorge Punzón (Cosmos), que se mantén como primeiro clasificado na xeral elite. 

Catro novos líderes

A falta de dous eventos puntuables para a conclusión deste certame autonómico, dous corredores máster situáronse no máis alto dos seus rankings: Iván Pereira (RSBike) nos máster-30 e Marcos Mayo nos máster-40. Ademais, Desiree Fernández desfixo o empate con Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites e Andrea García (Academia Postal-Maceda) acadou os primeiros puntos dunha júnior. No resto das categorías continúan vestindo os maillots do Trofeo Federación a cadete Sofía Álvarez (Cambre-Renault Caeiro), o cadete Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), o júnior Marco Nube Lema (Academia Postal Maceda), a sub23 Zaida González, a máster Rocío Blanco (A Forna) e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Barbanzabike).

Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Luís Rey, concelleiro de Deportes; Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike; Juan Platas, directivo do Tambre Bike; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo, estiveron presentes na cerimonia de podio coa que se pechou esta cita. O Trofeo Federación realizará a súa seguinte parada este sábado, 8 de xuño, no municipio ourensán de Baños de Molgas coa celebración do II Trofeo Estaciones Vivas XCO. 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: