A Cañiza repite este sábado como escenario do Trofeo Federación XCO





Por segundo ano consecutivo o Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO) fai parada na localidade pontevedresa da Cañiza. Os mellores bikers do panorama galego estarán este sábado no II Trofeo BTT XCO Grupetta Pan de Zarko - Concello da Cañiza. As carreiras desta segunda xornada puntuable do certame autonómico arrancarán ás 16:30 horas no Campo de Fútbol de Augas Férreas. 

A presentación deste evento tivo lugar no Concello da Cañiza. Ao acto asistiron Miguel Domínguez, alcalde deste municipio; Carlos Rincón, concelleiro de Deportes; e Roberto Ramírez, presidente do clube organizador Grupetta Pan de Zarko, xunto aos seus compañeiros de xunta directiva Luis Miguélez, Santos e Abel.

O Trofeo Federación, que esta temporada consta de cinco probas, púxose en marcha a pasada fin de semana en Santiago de Compostela. Os rankings chegan á Cañiza liderados por Laura Capa (Marín) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos) na categoría cadete, Marco Nube Lema (Maceda) nos juniors, Alba Arias (Arteixo-MB3) e Iván Feijoo (Maceda) en sub23, Jorge Punzón (Cosmos) e Desiree Fernández  (RSBike) en elites, Darío Otero (Compostelano) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e José Ramón Castelo (Barbanzabike) nos masters-50/60.

Ademais do espectáculo deportivo, sortearanse agasallos nesta cita que conta co apoio das comunidades de montes da Cañiza, Petán e Achas.