Carla Fernández mantivo en Dos Hermanas a súa cuarta praza na xeral júnior da Copa de España





Modalidades: 

A Copa de España Féminas Cofidis superou o seu ecuador este pasado domingo en Dos Hermanas (Sevilla) con Carla Fernández conservando a súa posición de honra no ranking júnior. A corredora viguesa do Río Miera acadou a décima praza e na xeral segue ocupando a cuarta. 

Despois de 55 quilómetros de percorrido, Fernández cruzou a liña de meta a 1 minuto e 9 segundos da gañadora Garazi Estévez (Gipuzkoa) e doutras sete juniors que entraron xunto á vencedora nesta categoría. Con este resultado a galega sumou 26 puntos e na Copa mantén o cuarto posto, a 8 puntos da líder Ania Horcajada (Madrid Team).

Moi preto de facer entre as dez primeiras sub23 rematou a tamén viguesa Paula Sanmartín. A representante do Eneicue Cycling Women Team formou parte ata o final do pelotón que resolveu ao esprint os 93 quilómetros da proba sevillana e correspondeulle a undécima posición da súa categoría, a 20ª na clasificación absoluta.

A quinta proba puntuable do certame estatal, a Balmasedako Emakumeen Saria, disputarase o vindeiro sábado en Biscaia. 

 

Máis información