Carlos Canal abriu o Open de España XCO con vitoria nos juniors e Pablo Rodríguez cun cuarto posto nos elites





Dous ourensáns foron protagonistas na apertura do Open de España XCO Cofidis 2019 no circuíto valenciano de Chelva. O limiao Carlos Canal (Academia Postal - Maceda) iniciou con vitoria a súa defensa do título júnior e o macedao Pablo Rodríguez (Primaflor) obtivo a cuarta posición na proba elite, rematando como mellor macedao. 

O triunfo de Canal chegou despois de que o representante do Maceda remontara dende a terceira posición tras sufrir unha picada. O gañador júnior do Open de España de Cross Country Olímpico 2018 refíxose dese contratempo e acabou vencendo con 22 segundos de vantaxe sobre Jaume Bosch (Amunt) e con 1:23 de marxe respecto a Pau Costa (Biking).

"Tiven que facer unha boa carreira por culpa das picadas e tiven que pelexar de novo para recuperar a primeira posición dos primeiros quilómetros e nos metros finais puiden gañar a primeira proba do Open de España XCO Cofidis, algo moi importante para as próximas probas que teño que disputar nas próximas semanas. Levo facendo un traballo fenomenal ao longo da temporada e demostrando que podo competir tanto a nivel nacional como internacional e estar entre os favoritos. Estamos a facer un bo traballo no club e está a demostrarse coas vitorias que conseguimos", valorou Canal. 

Na carreira raíña masculina, na Elite e Sub23, Rodríguez asinou un notable resultado para o seu obxetivo de revalidar o título acadado o ano pasado. Indo de menos a máis, o de Maceda rematou a 2:06 do neozelandés Anton Cooper (Trek), gañador por diante do francés Victor Koretzky (KMC) e do ruso Anton Sintsov, compañeiro de equipo de Rodríguez. A quinta praza, a 27 segundos do ourensán, foi para David Valero (MMR).

Máis Top-10

Outros bikers galegos conseguiron entrar entre os dez primeiros das súas categorías. Nos cadetes Miguel Rodríguez (Ponteareas) terminou 10º, nas juniors Noela Saa (Academia Postal - Maceda) finalizou décima e xusto por diante da súa compañeira de equipo Andrea García, mentres que nas sub23 Irene Trabazo (Marín) ocupou a oitava posición. 

A vindeira cita deste Open de España celebrarase o 17 de febreiro en Valladolid.

Máis información