Carlos Canal: "Vou a dalo todo no Mundial"





Modalidades: 

Sorprendemos a Carlos Canal entre clases no instituto, entrenos nas ladeiras do Castelo de Maceda e apenas tempo para preparar as maletas antes de saír cara a Dinamarca. Así se prepara un Campión de España de ciclismo

“Aínda que estou afeito, sempre hai falta de tempo porque é difícil compaxinar todo o que hai que facer. Os estudos réstanche horas para os adestramentos e cada fin de semana gástase en viaxes e competición…”

¿Cómo te sentes?

Agora mesmo preparados para a última cita da tempada de ciclocrós.Aínda que non podo quedar á marxe de todo o que se di e espera de min o certo é que estes días non vexo as redes sociais para non influenciarme. Desde fóra non sinto presión pero prefiro estar tranquilo e concentrado”.

E cómo se chega a este punto de estar a pelexar por un Campionato do Mundo?

“Aínda que non o creas é unha sorpresa: a miña intención era facer o ciclocrós como preparación e coa idea de cumprir nas probas nas que tomase parte e ao final converteuse nunha tempada espectacular. Creo que o traballo foi o axeitado aínda que me sorprende porque só levo sete carreiras e nelas demostramos que hai bo nivel.”

Dous podios en Copa do Mundo e un Campionato de España. ¿o Mundial é un premio?

“Creo que sí, penso que chego ao Mundial cos deberes xa feitos en canto a preparación e resultados pero con posibilidades de facer ainda algo importante. Sinto que estou nun bo momento.”

Pero o conseguido xa non hai quen cho quite

“Valoro especialmente o Campionato de España, que foi algo especial por gañalo na casa e con toda a familia vendo. Esta circunstancia foi o máis gratificante ata agora.”

¿Cómo afrontas o Mundial?

“Como todas as carreiras: a saír sen medo a dalo todo e que salga ben. Logo poden pasar mil cosas pero eu vou dar o máximo, non importa a posición na que termine, o importante é chegar a meta baleiro, quero rematar fundido por ter gastado todo o que teño.”

¿Tes moito?

“Non o sei (sorrise coa súa particular retranca), creo que hai forza para tentalo”.

Na neve de Dinamarca

“Non importa. Estamos afeitos. Somos galegos e o frío vai ben”.

Os belgas xa che coñecen

“Jajaja. Penso que si. Creo que nas dúas carreiras da Copa lles sorprendeu que me puxese con eles na cabeza e mesmo que tirase por diante nas dúas. Míroos e vexo que están estrañados e non saben se marcarme ou deixarme ir. Penso que non saben moi ben como xestionar a un recen chegado e ademais un español que se mete aí diante a plantarlles cara. Espero que iso sexa unha baza ao meu favor”.

Á marxe do Mundial, a vista xa esta posta na tempada de  MTB e ser profesional en 2020.

“É un enorme aliciente ter fichado co equipo de Coloma. Como xa che dixen, aínda que estou a correr o ciclocrós, o meu obxectivo é a tempada de  XCO. Este último ano de xuvenís correrei como Maceda pero facendo as UCI  junior Series co apoio do  BH Templo Cafés  UCC. Logo botarei de menos estar aquí pero é un gran paso adiante para mellorar. Por exemplo, agora tócame adestrar con frío cando o ideal sería estar concentrado en lugares cálidos onde poder facer unha mellor preparación”.

E polo de agora vas enlazando etapas sen apenas descanso

“A verdade e que sí: fun enganchando  ciclocrós 2017, Mountain  Bike, Xogos  Olimpicos da Mocidade e de novo  ciclocrós 2018 sen apenas parar. Por iso non fixen esta tempada de inverno ao completo e sorpréndeme todo o conseguido. Tras o Mundial de Dinamarca tratarei de facer algún adestramento de calidade porque en dúas semanas iniciarase a tempada de montaña”.

Espéranche moitas viaxes, serás a envexa dos teus compañeiros do Instituto

“Eles cren que isto de ver mundo é un pracer pero a verdade é que se sorprenden cando lle digo que o peor son as viaxes. Estou cansado de aeroportos. Non tes opción a ver nada. Viaxas, logo ao hotel e ao circuíto para ver e adestrar o percorrido, despois compites e vólveste para o luns estar en clase ou perder os menos días posibles. Por sorte en Dinamarca correrei o sábado así que terei a oportunidade de ver o domingo aos maiores desde o outro lado e poder gozalo. Que sufran eles.”

Terás a  Xulio Conde no  box de  Bogense

“Espero que si. Aínda que a Federación Española dános o seu apoio técnico, o contar con alguén próximo, que sabe como vas en todo momento e o que podes necesitar é fundamental.”

O que está claro é que Carlos, ao igual que Iván Feijoo e Irene Trabazo, os outros dous representantes galegos no Mundial, contará con todo o ánimo do ciclismo galego. Sorte e a pásalo en grande.

©Texto: FGC Foto: Yaiza FP