Carrera (Coruxo) e Duarte (Condado) gañan en Vigo o Campionato de Galicia de Enduro





Modalidades: 

Como non podía ser doutra forma o barro volveu ser protagonista nunha nova edición de enduro do VigoBikeContest. Nin aprazándoo ao mes de xuño o barro quixo deixar de facer acto de presenza e puxo a proba o nivel físico e técnico dos 180 participantes que saíron a completar os 5 tramos cronometrados nos 28 quilómetros de recorrdio para tentar gañar a proba e facerse coa camisola de campións de Galicia.

Ante tanta adversidade as novas promesas do enduro galego brillaron con luz propia e impuxéronse aos máis veteranos. Nicolás Carreira, júnior da canteira do Coruxo, vencía por primeira vez nunha proba en categoría absoluta, loitando tramo a tramo co tamén júnior vigués Pedro Gonzalo, que non lle poñería as cousas fáciles e ao que puido gañar por unha marxe inferior aos dous segundos.

Nicolás Carreira recoñecía tras a proba estar nunha nube. "Gañar o absoluto víao imposible, cando ía afrontar a terceira baixada e dixéronme que ía primeiro pensei que me estaban enganando. Sabía que Pedro ía ser un rival difícil, van moi ben este tipo de circuítos e o barro, e os tempos demóstrano. Pero superar a alguén como Antonio Pérez Dacosta nin mo expuña. É unha persoa moi metódica na súa preparación e que leva moito tempo nisto, quería ver canto tempo metíame e ao final foi ao revés", explica.

Pedro Gonzalo tamén acabou completamente desfondado con cambras que case lle impiden chegar á meta no último tramo de ligazón ata o parque do Vixiador. "Esta carreira preparáraa moi ben e quería gañala, por iso dóeme quedarme tan preto", recoñeceu ao chegar a meta.

A terceira praza foi para o incombustible Antonio Pérez Dacosta, que onte vía como lle gañaban uns júniores que entre os dous non suman a súa idade. "Xa lles ía tocando gañar, alégrome moito por eles, son xente nova con moitas ganas e que se están preparando moi ben", indicou.

Entre as mulleres, a campioa de España Desirée Duarte impúxose con autoridade, demostrando a calidade que atesoura esta ciclista que xa sabe o que é brillar noutras especialidades como o ciclocrós e o cros country. No podio acompañaríana Eva Abadín e a portuguesa Gabriela Ferraz.

Coa celebración desta proba a organización pecha o VigoBikeContest 2018, coas miradas postas na próxima edición na que cumprirán 20 anos celebrado eventos de mountain bike en Vigo.

Fonte ©Faro de Vigo

CLASIFICACIÓNS