Ciclismo e Tríatlon únense este domingo para homenaxear ás vítimas do accidente de A Guarda





A Federación Galega de Ciclismo (FGC) e a Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI) fan un chamamento a todos os usuarios da bicicleta para que se sumen este domingo 1 de maio á 'Marcha homenaxe ás vítimas do accidente de A Guarda'.

Juan Carlos Muñiz, presidente da FGC, e Óscar José Suris, presidente da FEGATRI, dirixen a organización deste acto na honra do falecido José Antonio Casas Pérez (Ñito) e do resto de deportistas involucrados no tráxico suceso acontecido o pasado 12 de marzo na PO-552. Unha concentración coa que tamén se pretende sensibilizar a toda a sociedade respecto ás normas de convivencia nas estradas despois do alto número de sucesos acontecidos nos últimos tempos.

O punto de partida será a Ponte Romana da Ramallosa, no concello pontevedrés de Nigrán, onde ás 10:00 horas arrancará o pelotón formado por todas as persoas que se desexen sumar a esta iniciativa para percorrer en bicicleta o traxecto ata o punto do sinistro. 

Lucindo crespóns negros en sinal de loito, os participantes rodarán aproximadamente durante hora e cuarto cubrindo unha distancia de 28 kilómetros e deixarán de dar pedais no escenario do accidente, no kilométro 44 da estrada PO-552. Alí, a familia de Ñito depositará unha coroa de flores xunto á figura que o homenaxea e procederá a ler un manifesto. A continuación, o pelotón regresará de forma controlada ata a Ramallosa. 

O accidente do que xa se cumpriu un mes e medio custoulle a vida a Ñito, membro do clube Miñor Bike, e deixou sete feridos máis, tres deles aínda hospitalizados.