Comunicado da FGC a Copa Galicia BTT-Maratón





Tema: 

Dende a Federación Galega de Ciclismo (FGC) comunicamos o noso pesar e desacordo co aprazamento de data da proba "BTT Trevinca Open Valdeorras" programada para a súa celebración o día, 24 de xuño 2018. A data foi aprobada en Asemblea Xeral da FGC o día 16 de decembro 2017, e anunciada como proba puntuable para a Copa Galicia BTT-Maratón 2018 o día 5 de febreiro 2018 na nosa páxina web. Creemos que con tempo suficiente para facer as xestións adecuadas por parte da organización da proba. 

Cal é a nosa sorpresa, cando o pasado venres, 8 de xuño, recibimos a chamada do Concello de A Veiga comentando a posibilidade de que a proba se suspendese alegando a baixa participación contando con 60 inscritos nese momento. Dende a FGC non nos parece un dato alarmante a falta de 15 días, pero decidimos publicitar inmediatamente a proba nas redes sociais coa mensaxe de Final Copa Galicia BTT-Maratón e enlace directo a páxina de inscricións, para así fomentar a inscrición de máis participantes. Ás poucas horas a  organización decide unilateralmente pechar as inscricións e onte, martes 12 de xuño, sen previa consulta á FGC comunican o aprazamento da proba para o día 2 de setembro, data que coincide co Campionato de España da modalidade. Por este motivo, a proba queda excluída da Copa Galicia BTT-Maratón por incumprimento do prazo establecido na Normativa Técnica da FGC (30 de xuño).

Lamentamos enormemente esta situación na que nin o club organizador, Tres Lunas Quereño, C.D., nin o Concello de A Veiga, achegan máis explicacións no seu comunicado. Tan só deciden un adiamento da proba sen consultar á FGC a viabilidade da nova data. Cando unha proba se adxudica para un circuíto puntuable, o club organizador, avalado polo Concello da sede de celebración, adquire unha responsabilidade fronte á Federación e fronte ós participantes.

Sentíndoo polos nosos federados, o cambio de data acordado unilateralmente obriga á Federación a dar por concluída a Copa Galicia BTT-Maratón en cumprimento do art.III- J.1 da Normativa Técnica de 2018:O calendario de probas puntuables para a Copa Galicia XCM 2018 estará comprendido desde o 1 de febreiro ata o 30 de xuño. Por tanto, quedan como puntuables as tres probas celebradas: Transheroica, Viveiro Bike Xtreme e Rei Cintolo. Os premios finais para os tres primeiros clasificados e o premio ao equipo campión da Copa Galicia serán entregados na cerimonia de premiación do Campionato de Galicia que terá lugar no mes de setembro.