Convenio de colaboración entre a FGC e a FEGATRI





A bicicleta é o nexo común entre o ciclismo e o triatlón, dous deportes que veñen de estreitar aínda máis os seus lazos a nivel autonómico. Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega Ciclismo (FGC), e Gonzalo Mario Triunfo, presidente da Federación Galega de Triatlón e Pentatlón Moderno (FEGATRI), asinaron este venres 5 de abril un convenio de colaboración para facilitar que os deportistas con licenza nunha das dúas federacións poidan participar en probas pertencentes ao calendario do outro organismo. 

Este acordo, vixente ata o 31 de decembro do 2019, abrangue os seguintes eventos do calendario FEGATRI son:

  •  III Triatlon popular de Negreira
  •  VI Tríatlon Porriño- Tui
  •  IV triatlón Popular de Cambados
  • III Tríatlon Concello de Redondela
  • III Trishark Narón
  • XXX Triatlon Popular de Allariz
  • Triatlon Popular da Amizade
  • III Tríatlon Concello de Rianxo
  •  V Vertiatlon Solidario

A estas probas hai que engadir calquer outra de carácter popular (aberta a licenzas dun día) de triatlón sprint, duatlón, triatlón cross e duatlón cross non calendadas e que se poidan celebrar baixo o amparo da FEGATRI da temporada 2019 .

Pola súa banda, as probas da FGC son todas aquelas de cicloturismo, estrada e BTT. 

Licenza dun día

-Será tramitada pola federación organizadora aos deportistas da outra federación. 

Seguro deportivo

-O custe será de 2,20 euros para os deportistas da FGC que participen nunha proba da FEGATRI e de 5 euros para os deportistas da FEGATRI que participen nas probas da FGC. 

Inscrición

-Cada un dos deportistas federados deberá formalizar as súas inscricións a través da plataforma de inscricións habilitada para a proba (da federación organizadora) na que se desexa formalizar a inscrición. A plataforma de inscricións debe contar cunha categoría específica de “Licenza FGC” e “Licenza FEGATRI” que permita automaticamente cobrar o custo da licenza dun día cos custos anteriormente sinalados.