Copa Galicia de Ciclocross en Viveiro: Trabazo venceu con autoridade e Feijoo superou ao sprint a González





Modalidades: 

A Copa Galicia de Ciclocross celebrou este domingo a súa oitava xornada coa disputa do III Trofeo Ciclocross Concello de Viveiro - Trofeo Fe Seguros. A proba organizada pola Peña Ciclista Gráficas Lar contou coa participación de 275 corredores. O circuíto do Parque Penas Peón agradou aos corredores nunha mañá sen chuvia, pero fría.

Na categoría elite-sub23 masculina viviuse un emocionante final ao sprint con vitoria de Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda) superando sobre a liña de meta a Samuel González (Salvaterra). Os dous sub23 mantiveron un espectacular cara a cara durante toda a carreira e fóronse probando volta tras volta ata o axustado desenlace na última recta.  O primeiro elite foi o asturiano David Ovín (Alpaca Sport). 

Pola súa banda, Irene Trabazo (Marín Ottoman) sumou o seu sexto triunfo da temporada na proba raíña feminina da Copa Galicia. Na loita pola segunda praza e por ser a primeira elite, Lucía Vázquez (ProRebordosa) impúxose a María José Gómez co mesmo tempo que a ciclista do Cambre - Renault Caeiro.

No resto de carreiras, Adrián Barros (Coruxo) deu un recital nos juniors por diante de Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda) e Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión). Canal saíu moi forte marcando un ritmo que descolgou a Suárez, pero non a Barros. O do Coruxo resistiu para posteriormente pasar ao ataque e "voar" polo circuíto de Viveiro. En canto aos cadetes, Miguel Rodríguez (Ponteareas) continúa dominando vestido de líder.

O cadro de gañadores da xornada completárono a cadete Noela Saa (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda), a junior Andrea García (Cambre - Renault Caeiro), o master-30 Alejandro Mesías (CiclosQuintena), o master-40 Xacob Agra (Master da Louriña) e o master-50/60 Javier de la Fuente (Norinver).

A vindeira xornada da Copa Galicia celebrarase este mércores en Boiro e ao circuíto de Praia Xardín chegarán vestidos de líderes Noela Saa e Miguel Rodríguez en cadetes, Jessica Costa (ASC) e Jorge Suárez en juniors, Irene Trabazo  e Iván Feijoo en sub23, Isabel Castro (Condado Bike) e Darío Otero (Muebles Compostela) en elites, Andrés Calvete (Cambre - Renault Caeiro) nos masters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40, Mario Castro (Cortizo - Anova) nos masters-50/60 e Montserrat Martinez (Viana) nas masters. 

 

 

Documentos: