Copa Galicia de Ciclocross: Irene Trabazo e Iván Feijoo exhibíronse en Boiro





Modalidades: 

A novena xornada da Copa Galicia de Ciclocross celebrouse este mércores 6 de decembro coa disputa do XXXI Trofeo Concello de Boiro. O Club Ciclista Oziona-Barbanza e o Concello de Boiro organizaron esta cita que reuniu a 278 corredores no piñeiral do Paseo Marítimo de Praia Xardín, un circuíto espectacular situado nun marco incomparable.

O parque e as instalacións que acolleron a proba foron completamente renovadas e contan cun paseo e unha zona biosaudable para facer exercicio. Unhas actuacións que poñen en valor a zona do parque natural do estuario do Río Coroño nas inmediacións de Praia Xardín. Boiro non defrauda e cada ano renóvase.

Nas probas raíñas da xornada os dous líderes sub23 e absolutos non deron opcións aos seus rivais. Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda) acadou o seu sétimo triunfo da temporada. Na liña de meta superou en 1:11 ao tamén sub23 Samuel González (Salvaterra de Miño) e en 1:45 a Óscar Vázquez (OVCBikes), primeiro en elite. O Top-5 completárono o sub23 Román Saa (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda) e o líder elite Darío Otero (Muebles Compostela). Entre os participantes nesta carreira estiveron os ciclistas profesionais de estrada Gustavo César Veloso e Jacobo Ucha. 

Pola súa banda, Irene Trabazo  tamén asinou a súa sétima vitoria na Copa Galicia. A sub23 do Marín-Ottoman venceu cunha marxe de 1:01 respecto á elite Lucía Vázquez (ProRebordosa). A terceira praza ocupouna a líder elite Isabel Castro (Condado Bike), a 1:24, e as juniors Andrea García (Cambre - Renault Caeiro) e a líder Jessica Costa, remataron cuarta e quinta respectivamente.

En canto aos juniors, o líder Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) venceu despois dunha gran carreira de Adrián Barros (Coruxo), a quen se lle despegou o tubular na última volta e tivo que percorrer medio circuíto coa bicicleta ao ombro. Malia este contratempo fíxose co segundo posto.

No resto de categorías os gañadores foron Noela Saa (Academia Postal - Actyon - MMR - Maceda) e Jorge Fernández (Coruxo) en cadetes, Montserrat Martínez (Viana) nas masters, Alejandro Mesías (CiclosQuintena) nos masters-30, Guillermo Álvarez (Condado Bike) nos masters-40 e Marcial Rodríguez (Québici-Marcisport) nos masters-50/60.

A cerimonia de podio contou coa presenza do alcalde de Boiro, Juan José Dieste; do concelleiro de Deportes, Nolo Romero; do presidente do Oziona - Barbanza, Ricardo Riveiro; e do presidente da Federación Galega de Ciclismo, e de Juan Carlos Muñiz. Os maillots como líderes dos rankings recibíronos Noela Saa e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes; Jorge Suárez e Jessica Costa en juniors; Iván Feijoo e Irene Trabazo en sub23; Isabel Castro e Darío Otero en elites; Montserrat Martínez nas masters; Luciano Carretero (Cambre Renault Caeiro) nos masters-30; Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40 e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos masters-50/60.

A Copa Galicia non ofrece tregua nesta ponte de decembro e este venres vivirá a súa décima xornada co II Trofeo Concello de Pontevedra. 

 

Documentos: