A Copa Galicia de Ciclocross regresa este domingo en Santiago





Modalidades: 

Despois de dúas fins de semana de descanso, a Copa Galicia de Ciclocross volve a escena este domingo en Santiago de Compostela. O circuíto do Estadio de San Lázaro acollerá a cuarta xornada puntuable do certame autonómico. O Trofeo Concello de Santiago, organizado polo Club Ciclista Compostelano - Muebles Compostela, é unha cita clásica do calendario e alcanza a súa decimosétima edición.

A proba tamén é puntuable, ao igual que o resto das da Copa Galicia, para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo e foi presentada este mércores no Concello de Santiago. Neste acto estiveron presentes a concelleira de Deportes, Noa Morales; o presidente C.C. Compostelano, Manuel Paz; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. 

Morales remarcou que o circuíto de 2.600 metros será "aínda máis atractivo tanto para os participantes como para que os que se acheguen a velo, grazas a algunhas modificacións que o dotarán dun perfil máis técnico e duro".  Nese sentido, Paz recoñeceu que a intención era que "o circuíto fora máis similar ao que se atopan os ciclistas do equipo cando van competir noutras probas".

O presidente do conxunto anfitrión incidiu en que este ano se quere aproveitar a proba do domingo para "animar os nenos e nenas a coñecer esta disciplina deportiva, que cada ano vai a máis". Pola súa banda, Muñiz recoñeceu o esforzo que fan "tanto o Concello de Santiago como o Club Ciclista Muebles Compostela para promocionar deportes como o ciclocross". Tamén sinalou que "das catorce probas do calendario galego de ciclocross, a de Santiago é sempre unha das que xunta a máis corredores".

A expectativa de participantes sitúase ao redor dos 350 ciclistas. O prazo para preinscribirse en https://yosoyciclista.com/index.php/inscripciones/prueba/8816 remata este xoves ás 22:00 horas. 

Horarios e líderes

O programa de competición arrancará ás 09:30 horas coa carreira de Promoción. Ás 10:00 horas comezarán a rodar os cadetes e as cadetes, así como os masters-40 e 50/60. Ás 11:00 horas chegará a quenda para os masters-30 e as corredoras elite e sub23, juniors e masters. Por último, ás 12:00 horas entrarán en liza os juniors e os participantes da categoría raíña masculina elite e sub23.

Os rankings da Copa Galicia tras as tres primeiras xornadas están encabezados por Noela Saa (Academia Postal - Actyon - MMR) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes; Jessica Costa (ASC) e Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) en juniors; Irene Trabazo (Marín Ottoman) e Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR) en sub23; Isabel Castro (Condado Bike) e Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) en elites; Montserrat Martínez (Viana) nas masters;  Juan José Chapela (Master Morrazo) nos masters-30; Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40; e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos masters-50/60.