A Copa Galicia Elite e Sub23 ponse en marcha este sábado coa Clásica de Pascua





Modalidades: 

A Federación Galega de Ciclismo lanza nesta temporada 2017 a Copa Galicia de ciclismo en estrada para corredores Elite e Sub23. Este certame aglutina cinco carreiras que se disputarán en territorio galego durante os vindeiros meses. O bandeirazo de saída darase este sábado coa celebración da Clásica de Pascua na localidade coruñesa de Padrón.

As outras catro citas que compoñen o calendario da Copa son a Volta Ciclista ao Ribeiro do 17 de xuño, a primeira edición da proba ciclista de estrada organizada polo Club Ciclista Farto o 8 de xullo, o GP Cidade de Vigo – Díptico de Galicia do 26 e 27 de agosto no que puntuará a xeral final e o Critérium Festas do Cristo do Porriño do 29 de setembro.

Todos os ciclistas masculinos con licencia Elite ou Sub23 poden participar e optar a vencer nunha das dúas categorías. No sistema de puntuación outorgaranse 25 puntos ao gañador de cada carreira, 20 puntos ao segundo, 18 ao terceiro e deste xeito continuarase de forma descendente ata chegar ao 20º clasificado.

Ao remate de cada proba entregaranse os maillots ao líder da xeral Elite e ao da Sub23. Os tres primeiros clasificados de cada categoría á conclusión da Copa recibirán un agasallo da Federación Galega de Ciclismo.

Inicio en Padrón

O Club Ciclista Padronés reúne como cada sábado de Pascuilla en Padrón ao mellor do ciclismo galego na xa histórica Clásica de Pascua que celebra este ano a súa 55ª edición. Unha notable participación de equipos do resto do panorama estatal e luso de categoría elite e sub 23 daranse cita na vila rosaliana.

A proba, que tamén é puntuable para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), disputarase sobre unha distancia de 123 quilómetros con cinco portos de montaña e tres metas volantes concluíndo, como é tradicional, no Campo do Souto tras percorrer nos metros finais a recta empedrada do Paseo do Espolón.

A Clásica de Pascua sairá do centro de Padrón ás 15:30 horas. No quilómetro 17,9 os ciclistas enfrontaranse ao alto de Bexo en dirección a Rianxo para ascender a continuación ao alto do Palleiro (quilómetro 34). Despois, a proba continuará o seu percorrido con metas volantes situadas en Pontecesures (quilómetro 51,5), Valga (59,3) e o primeiro paso por Padrón (64), a partir do cal se concentrará a maior dureza da carreira.

Un ano máis, o alto de Formarís perfílase como un dos xuíces da clásica padronesa que, tras dúas voltas ao devandito circuíto, a terceira dirixirá aos ciclistas á súa chegada a Rois cara ao esixente alto da Pereira, con ramplas de gran dureza antes da definitiva ascensión ao alto de Formarís e o rápido descenso cara á meta final en Padrón.

Información: Federación Galega de Ciclismo / Club Ciclista Padronés

Documentos: