A Copa Galicia Enduro pechouse con Duarte e Ferreiro vencendo no Open de España de Montefaro





Modalidades: 

Os riders galegos exhibíronse o pasado domingo na Montefaro Enduro Race, antepenúltima proba do Open de España e derradeira da Copa Galicia. A elite Desiree Duarte (Condado Bike) e o elite Toni Ferreiro (Coruxo) encabezaron o festival dos corredores locais dominando as dúas clasificacións absolutas. Houbo outros catro triunfos autonómicos nesta cita organizada polo Pulpeiros Mugardos e que contou con preto de 300 participantes. 

O máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike), a máster-30 Estefanía Cabarcos (BDM Bike), o máster-40 Tony Pérez (Condado Bike) e a máster-40 Isabel Castro (Condado Bike) tamén subiron ao máis alto do podio nas súas categorías. 

Na proba masculina, Ferreiro, do mesmo xeito que sucedeu en 2018, impúxose con contundencia, mostrándose como o mellor en cada un dos cinco tramos cronometrados. O único que puido, en certo xeito, cuestionar a supremacía do galego foi o actual líder do Open de España, o sub 23 Mariano Mari (Portnax), segundo clasificado en Mugardos; unha posición que lle vale para continuar vestindo a camisola de líder. O terceiro mellor tempo final marcaríao outro sub23 como o galego Nicolás Carrera (Bike Comp), moi regular en todos os tramos, e que na clasificación do certame estatal continúa terceiro na súa categoría.

No que respecta á competición feminina, Desirée Duarte tamén venceu con solvencia, só véndose superada por un segundo no treito final por Marketa Michalkova (Bike Comp), a líder do Open de España, que continúa no máis alto da clasificación tras terminar co segundo mellor rexistro. Duarte ascende á terceira praza da xeral absoluta e á segunda da sub23. 

A falta de dúas xornadas para a conclusión do Open de España, a máster-30 Cabarcos e  a máster-40 Castro pasan a liderar os seus rankings; Pérez mantense segundo no máster-40 masculino, xusto por diante de Esteban Lorenzo (Bici Verde) e no júnior Mario Fernández (O Rosal) segue terceiro. 

A próxima proba do certame estatal terá lugar en Teror (Canarias), o próximo 2 de xuño. 

 

Trece gañadores finais

Cos resultados de Mugardos resolvéronse os rankings da Copa Galicia Enduro 2019, unha competición que arrancou no VigoBikeContest e tamén fixo parada no Enduro ADC Picaraña de Ponteareas e na Baixomiño Enduro Experience de A Guarda.

Nicolás Carrera foi o gran beneficiado polo acontecido en Montefaro. Adiantou por dous puntos na clasificación absoluta masculina a Tony Pérez e fíxose co título. O terceiro posto correspondeulle ao máster-30 Santos Lemos (Grupetta Pan de Zarko). Pola súa banda, Desiree Duarte certificou o seu triunfo na táboa feminina por diante de Gabriela Ferraz (Terras de Bouro) e de Isable Castro, segunda e terceira respectivamente. 

Por categorías adxudicáronse os maillots de gañadores finais da Copa: Alba Caínzos (Pulpeiros Mugardos) e Zoe del Río (Marín) en cadetes, Mario Fernández nos juniors, Carrera e Duarte en sub23, Ferraz e Pablo Míguez (Bici O Con) en elites, Lemos nos máster-30, Castro nas máster, Pérez nos máster-40 e Carlos José Táboas (Québici-Marcisport) nos máster-50.