Copa Galicia Máster: Saúl Martín estrea o palmarés do Trofeo Cidade de Betanzos





Modalidades: 

Cun espectacular final en subida polo casco histórico bautizouse este domingo o Trofeo Cidade de Betanzos no calendario máster. Saúl Martín (Villaviciosa-Mayador) foi o gran triunfador nesta terceira e penúltima xornada puntuable da Copa Galicia. Cruzou a liña de meta en primeira posición e asaltou o liderado máster-30 do certame autonómico. 

A proba organizada polo Club Ciclista Betanzos reuniu a 120 participantes na liña de saída. Despois de 71 quilómetros de percorrido, a carreira decidiuse nun explosivo final. Martín impuxo a súa potencia no ascenso ao corazón desta vila coruñesa e ergueu os brazos por diante doutros dous máster-30: José Luis Mariño (Norinver) e José Ignacio Méndez (Garaje Paco),  segundo e terceiro respetivamente. 

O Villaviciosa-Mayador viviu unha xornada redonda. Defendendo as cores deste conxunto asturiano Iván Villar rematou cuarto e a súa vitoria entre os máster-40, con Iván Raña (Tambre Bike) acadando a segunda praza, concedeulle o maillot de líder da súa categoría na Copa Galicia. 

Entre os master-50 gañou José Manuel Toribio (Debra) e nos máster-60, Manuel Prieto (Norinver). Na xeral conxunta destes dous grupos de idade continúa no máis alto Alfonso Fernández (Orensano). O certame autonómico resolverase no IV Trofeo Patrocinador, o 11 de agosto en Boiro. 

Ao podio de Betanzos tamén subiron José Carlos Abella (Betanzos), como rei da Montaña, e Eduardo Conde (Máster da Louriña) para recibir o seu premio como triunfador nas Metas Volantes. 

Rankings Copa Galicia Máster de estrada 

Foto: Club Ciclista Betanzos 

 

Documentos: