Cristian Mota, decimoquinto e mellor galego na carreira en liña sub23 do Campionato de España





Na segunda xornada dos Campionatos de España de estrada que se están a celebrar en Soria, a Selección de Galicia non puido estar na loita polas medallas na proba en liña sub23. Despois do bronce acadado o día anterior na contrarreloxo con Martín Bouzas, esta vez o mellor clasificado do combinado autonómico foi Cristian Mota. O ponteareán do Aldro Team cruzou a liña de meta na decimoquinta praza, a 1:03 do novo campión estatal Isaac Cantón (Castilla La Mancha).

Os ataques sucedéronse no inicio dos 145 quilómetros e na primeira fuga que abriu oco filtrouse Antonio Portela. O rosaleiro do Supermercados Froiz compartiu aventura con Murgiondo (Euskadi), Mercadal (Cataluña), Gómez (Andalucia) e Benito (Castilla y León). Este quintento chegou a manexar unha diferencia de dous minutos, pero na subida a Oncala só resistiron en cabeza Murgiondo e Gómez.

A partir dese momento a Selección de Galicia non volveu ter representantes na cabeza da carreira e na penúltima volta ao circuíto final en Soria estableceuse o corte de doce unidades do que saiu o gañador. Cantón venceu con 4" de marxe sobre Álvaro Cuadros (Andalucía) e Diego Sevilla (Madrid).

Por detrás, Mota e outros ciclistas saltaron do pelotón e o galego obtivo a decimoquinta posición. A 9" do corredor de Ponteareas remataron os seus compañeiros de selección Raúl González, no 18º posto , e Martín Bouzas, no 21º. O gran grupo chegou totalmente fracturado con Alejandro Regueiro a 1:29 na 42ª praza e con Miguel Montero a 1:40 na 48º. Un pouco máis retrasado, a 2:12, concluíu Portela na 66ª posición, mentres que Diego González e José Carlos Amil abandonaron despois de traballar a prol do equipo. 

 

Clasificacións