Cristian Mota formará coa selección española na Carreira da Paz


Cristian Mota (Aldro Team)



O galego Cristian Mota ( Aldro Team) formará parte da selección nacional sub23 nunha nova proba da Copa das Nacións que se disputa na República Checa do xoves 31 ao domingo 3 de xuño, sobre un prólogo e catro etapas.

Ademais do ciclista ponteareán, o seleccionador nacional Pascual Momparler decidiu contar con Ibai Azurmendi (Fundación Euskadi), Xavier Cañellas (Caixa Rural, Seguros RGA), Xuban Errazkin ( Vito- Feirense- BlackJack), David González (Caixa Rural-Seguros RGA) e Eduard Rodes ( Aldro Team), o máis novo da expedición con tan só 20 anos.

Mota recoñecía que “desde que mo comunicaron a semana pasada non parei de pensar niso. Sorprendeume bastante, pero ao mesmo tempo leveime unha gran alegría porque era algo que necesitaba esta tempada. Correr con España é algo moi importante para min e oportunidades así non se poden deixar escapar”.

Sobre o seu papel co equipo nacional, o galego é claro: “Sobre todo, facer o que o seleccionador me mande. Pero sobre todo deixarme ver, ser moi combativo nos catro días de carreira”.

Coñecida tamén polo nome de Carreira da Paz, a proba caracterízase polo seu perfil accidentado, coa terceira e cuarta etapa finalizando no alto.

Fonte: Aldro Team /FGC