Daniel López sae líder do paso da Copa Galicia de Ciclocrós por Carral e Betanzos





Modalidades: 

A penúltima fin de semana de competición da Copa Galicia de Ciclocrós 2019 tivo como escenarios os emlamados circuítos de Carral e Betanzos. Correndo preto da súa casa, o coruñés Daniel López Parada (Burgos BH) asaltou o primeiro posto da clasificación elite. O ciclista profesional de estrada defenderá o maillot de líder a vindeira fin de semana na dobre cita en terras ourensás, Verín e Maceda, coa que se pechará o certame autonómico.

O ranking elite é un dos máis igualados da Copa. Os resultados do sábado en Carral, onde se impuxo o cántabro Alejandro Iglesias (Goros Bike), propiciaron un triplo empate a 750 puntos á fronte da táboa entre Saúl López (Maceda), que non participou no evento organizado pola Peña Ciclista Monte Xalo, Luis Fernández (Avanza) e Daniel López.

Ao día seguinte, cos tres colíderes en liza, o representante do Burgos BH apropiouse en solitario da camisola da Copa. Daniel López venceu en Betanzos por diante de Saúl López, a quen agora supera por 30 puntos na xeral. Luis Fernández, que rematou quinto, queda a 80 puntos cando faltan por celebrarse dúas xornadas.

Fernández e Barros

A sub-23 Carla Fernández (Río Miera), vencedora da proba absoluta feminina, encabezou a nómina de gañadores no resto de carreiras no II Ciclocrós Concello de Carral. Ao máis alto do podio no circuíto de Taramuño tamén subiron: Laura Mira (Redondela) e André Martínez (Avanza) en cadetes, Laura Capa (Aleata-Farto) e Anxo Carril (Coruxo) en juniors, Adrián Barros (Froiz) nos sub-23, María Jesús Barros (Spol) nas elites, Montserrat Martínez (Oiense) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

Entre as mulleres elite e sub-23 a máis forte o domingo no Parque do Pasatempo en Betanzos foi María Jesús Barros. O palmarés do III CX Caimanes de Betanzos completárono Laura Mira e André Martínez en cadetes, Noela Saa (Maceda) e Brais Fernández (Maceda) en juniors, Andrea García (Maceda) e Óscar Fernández (Avanza) en sub-23, Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete en máster-30, Natalia Raña e Manuel Armada (Cidade de Santiago) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

A resolución da Copa queda a expensas do que aconteza o sábado en Verín e o domingo en Maceda. Á provincia de Ourense chegarán vestidos como líderes Laura Mira e André Martínez en cadetes, Laura Capa e Anxo Carril en juniors, Carla Fernández e Óscar Fernández en sub-23, Diana Blanco (Barbanzabike) e Daniel López en elites, Rocío Blanco e Andrés Calvete en máster-30, Natalia Raña e Manuel Armada en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández nos máster-60.

Foto: Luz María Iglesias