Darío Otero e Isabel Castro estrearon en Santiago a súa conta de vitorias na Copa Galicia 2017





Modalidades: 

A Copa Galicia de Ciclocross bateu o seu récord de participación con 350 inscritos no Trofeo Concello de Santiago e entre todos os corredores que se deron cita no circuíto do Estadio de San Lázaro houbo dous grandes triunfadores. Os elites Darío Otero e  Isabel Castro inauguraron o seu casilleiro de vitorias desta temporada nas probas raíñas. Ademais, o representante do conxunto anfitrión Muebles Compostela sitúase líder da categoría Elite, mentres que a ciclista do Condado Bike alcanza o primeiro posto do ranking absoluto feminino.

O resto de triunfadores na cuarta xornada do certame autonómico coordinado pola Federación Galega de Ciclismo foron Laura Capa (Farto) e Jorge Fernández (Coruxo) en cadetes, Jessica Costa (ASC) e Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) en juniors, Sara Trigo (Salvaterra) e Román Saa (Academia Postal - Actyon - MMR) en sub23, Andrés Calvete (Cambre - Renault Caeiro) nos masters-30, Juan Bello (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40 e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos masters-50/60.

Na decimosétima edición deste evento o Club Ciclista Compostelano - Muebles Compostela introduciu algunhas variacións no habitual e revirado trazado nas inmediacións do estadio de fútbol santiagués. Un circuíto máis duro e técnico para unha proba que resultou un ano máis un éxito organizativo.

Ao coincidir coa terceira xornada da Copa de España desta modalidade, rexistráronse algunhas ausencias destacadas como a da líder feminina, a sub23 Irene Trabazo. Sen a corredora do Marín Ottoman, que ata esta proba asinaba un pleno de vitorias, Isabel Castro e a tamén elite María José Gómez (Cambre - Renault Caeiro) lanzáronse a polo triunfo e a carreira resolveuse na última volta cando a representante da formación coruñesa sufriu unha caída. Castro non fallou e venceu con 15 segundos de vantaxe. Deste xeito, a gañadora da Copa Galicia 2016 sumou o seu primeiro éxito absoluto deste curso. 

Tampouco competiu en Santiago o líder masculino Iván Feijoo, pero outro sub23 do Academia Postal - Actyon - MMR de Maceda foi un dos grandes protagonistas. Román Saa encabezou a carreira xunto a Darío Otero ata a penúltima volta, con Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro) rodando moi preto deles e o líder elite Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) circulando a pouco máis de medio minuto despois dunha mala saída.

O duelo entre os dous primeiros decidiuse na penúltima volta por un erro de Saa, que se foi ao chan. Ese percance deulle vía libre a Otero para repetir o seu triunfo do ano pasado na capital galega e acadar a súa primeira vitoria desta campaña. Punzón rematou segundo a 26", Valverde chegou terceiro a 41" e Saa tivo que conformarse coa cuarta praza, sendo o primeiro sub23. A 21ª posición correspondeulle a Gustavo César Veloso (W52-FC Porto), o dúas veces gañador da Volta a Portugal de estrada, que se animou a participar nesta proba. 

Cambios entre os líderes

Otero arrebatoulle o primeiro posto da xeral elite a Valverde e nos rankings da Copa Galicia houbo dous cambios máis. Laura Capa pasou a dominar a clasificación cadete femenina e Andrés Calvete, a master-30. Pola súa banda, continúan unha xornada máis como líderes Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos cadetes; Jessica Costa e Jorge Suárez en juniors; Irene Trabazo e Iván Feijoo en sub23; Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40; e Mario Castro nos masters-50/60. 

O Trofeo Concello de Santiago pechouse coa entrega de trofeos e maillots, un acto que contou coa presenza de Noa Morales, concelleira de Deportes de Santiago; de Teresa Gutiérrez, representante da corporación municipal; de Carmen Fernández, representante de Muebles Compostela; de Manuel Paz, presidente do Club Ciclista Compostelano; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. 

A Copa Galicia regresará a vindeira fin de semana cunha dobre cita. O sábado celébrase o XX Trofeo Monte de Eiras no Rosal e o domingo, o I Ciclocross Poio Móvese.

Foto: Luz Iglesias

 

Documentos: