Desiree Duarte encabezou o póker de triunfos galegos na despedida do Open de España de Enduro en Tuña





Modalidades: 

O Open de España de Enduro Cannondale Big Ride Powered By Rotor baixou o pano desta temporada en Tuña (Asturias), onde os riders galegos se impuxeronse en catro categorías. A sub23 Desiree Duarte (Intense) venceu na proba feminina, Tony Pérez (Intense) rematou terceiro na clasificación absoluta masculina e primeiro na máster-30, Rubén Rodríguez (Intense) venceu nos elites por diante de Mauro González (Bici O Con), e Nicolás Carrera (Coruxo) foi o mellor júnior.

O triunfo de Duarte chegou despois de ser a máis rápida en tres dos catro treitos cronometados. Cun tempo final de 20:35, superou en 1:08 a Miriam Alcántara. Deste xeito a ponteareá selou o título sub23 do Open de España, e tan so os problemas mecánicos sufridos na segunda xornada deste certame impedíronlle facerse coa coroa absoluta feminina. Acabou con 504 puntos, a 46 da campioa Alcántara. 

Na competición masculina tres galegos situáronse entre os seis primeiros da táboa scratch. Tony Pérez ocupou a terceira posición despois de adxudicarse o segundo treito. O seu tempo global de 16:20, foi 29" superior ao do gañador Javier San Román (XMS), rider sub23. O do Intense subiu ao máis alto do podio máster-30 e na xeral do Open finalizou segundo da súa categoría, penalizado polos contratempos que o lastraron en Castejón de Sos, a 9 puntos de Miguel Ángel Fernández (Bull Bikes). 

Nos elites houbo dobrete galego. Rubén Rodríguez (16:30) bateu por 8" a Mauro González (16:38), sendo quinto e sexto respectivamente na clasificación absoluta. Na xeral do Open o representante do Intense tamén se situou xusto por riba do corredor do Bici O Con. Rodríguez obtivo o segundo posto con 424 puntos e González o terceiro con 375. Nesta categoría elite, Manuel Pellón (BDM) asinou o quinto posto en Tuña e Fermín Leira (Del Mar de Mugardos) o sexto. 

En canto aos juniors, Nicolas Carrera conseguiu o seu primeiro triunfo da temporada no Open de España. Gañou cun tempo de 18:04 e avantaxou en 25" ao segundo clasificado Jaime López (Trizyclo). O rider do Coruxo ascendeu ata a segunda posición na xeral, terminando a 15 puntos de López. 

Outros Top-10 nos rankings definitivos do Open de España 2017 rubricáronoso Brais Boullosa (Bici Verde), 8º en sub23; Toni Ferreiro (Mérida), oitavo en elite; e Esteban Lorenzo (Bici Verde), 7º nos masters-40. 

Clasificación Tuña

Clasificación final Open