Dez premiados na Gala do Ciclismo Galego polos seus resultados nos opens e nas copas de España





Tema: 

Os opens e as Copas de España durante o 2016 contaron cunha numerosa presenza de corredores galegos nos seus podios finais. Os dez representantes da nosa terra que remataron entre os tres primeiros nas clasificacións xerais destes certames serán galardoados na Gala do Ciclismo Galego (20:30 horas, Auditorio Centro Sociocultural de Padrón).

Nas disciplinas de BTT, Antonio Pérez Dacosta (Laesport) recibirá unha distinción por ser o gañador Máster-30 do Open de España de BTT-Enduro, José Manuel Verdía (School Riders) polo seu segundo posto entre os Máster-40 do Open de España de BTT-DH, Susana Alonso (GR-100) por rematar segunda na táboa Elite feminina do Open de España de BTT-XCM e Brandan Márquez por ocupar a terceira praza na clasificación Elite masculina do Open de España de BTT-Ultramaratón.

Os ciclistas do Maceda asinaron tres segundos postos e un terceiro na recén rematada Copa de España de Ciclocross: Iván Feijoo nos juniors, Carlos Canal nos cadetes e Noela Saa nas cadetes foron subcampións e Aida González obtivo a terceira praza tamén nas cadetes. 

Pola súa banda, no ciclismo adaptado Mila López (IFIT Club) proclamouse campioa na categoría WH4 da Copa de España, o mesmo certame no que Iván Montero Ferreiro (Riazor) quedou segundo en MH5.