Dobrete de Espinoza na primeira xornada da Ruta do Albariño





Modalidades: 

O júnior costarricense Julián Espinoza (Bairrada) viviu unha xornada redonda na apertura da VII Ruta do Albariño - Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto'. Gañador do primeiro sector, unha cronoescalada ao Alto do Busto, consolidou o seu maillot amarelo vencendo horas máis tarde no centro de Meaño. O ciclista centroamericano liderou a exhibición ofrecida polo seu equipo, que domina todas as clasificacións nas que compite. 

Despois de colocar a catro corredores entre os cinco primeiros da cronoescalada, o Bairrada tampouco deu opcións na primeira proba en liña desta cita para as categorías Sub21,  Júnior e Feminina. Nos 51 quilómetros con inicio e final en Meaño, Diogo Narciso pasou primeiro pola Meta Volante do Grove (km 14) e outro representante desta formación portuguesa, Joao Macedo, coroou en primeira posición o alto Monte Bouza (km47), única dificultade montañosa do percorrido. 

De rematar o traballo dos seus compañeiros encargouse o líder, cun ataque na aproximación á liña de meta. Espinoza ergueu os brazos con 5 segundos de vantaxe sobre Narciso e con 10" respecto a Jesús Antonio García (Arte en Transfer-LPS), que deu tempo ao pelotón. 

Na xeral o costarricense avantaxa en 12" a García e en 19" a Narciso. A camisola azul de mellor galego correspóndelle a Ramón Fernández (Aleata-Farto), quinto a 28". 

Narciso, líder das Metas Volantes, e Macedo, da Montaña, tamén recibiron os seus maillots nunha ceremonia de podio na que participaron Lourdes Ucha, alcaldesa de Meaño; Carlos López Font, deputado de Facenda da Deputación de Pontevedra; Pilar González, concelleira de Deportes de Meaño; Ernesto Falcón, presidente do Club Ciclista Cambados; e Jose Flores, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo. 

A Ruta do Albariño concluirá este domingo en Cambados. Dende as 10:30 horas disputarase unha etapa de 92 Km con saída e chegada na capital do Salnés. 

 

Documentos: