Durán foi neutralizado nos últimos metros e Mera repetiu segundo posto na 2ª xornada da Txuma cadete





A Selección de Galicia volveu acariciar a vitoria parcial na segunda etapa da Txuma cadete. Rubén Durán finalizou quinto tras chegar escapado aos últimos metros onde foi neutralizado polo grupo principal no que Miguel Ángel Mera rematou segundo, o mesmo posto que ocupara na xornada anterior. O ciclista do Cortizo - Anova  sitúase líder da Regularidade e na xeral marcha terceiro.

Nos 57,6 quilómetros con saída e chegada en Berango, o combinado autonómico realizou un bo traballo dende o bandeirazo inicial. O conxunto formado por Daniel Sanín, Diego Rodríguez, Brais Gómez, Adrián López, Durán e Mera amosouse moi activo. 

Despois da tradicional subida a Umbe e das voltas ao circuíto de Berango, Durán intentou sorprender ao grupo principal. Ao corredor do Carballo a un Paso faltáronlle escasos metros para culminar o seu ataque co triunfo da etapa. O pelotón botouselle enriba sobre a liña de meta e Luis Vivian (Catalunya) venceu por diante de Mera, que entrou a 1" do gañador. A terceira posición correspondeulle a Francesc Bennassar (Six). 

Na clasificación xeral, Lander Lartitegi (Basati) continúa líder, igualado a tempo con Pablo Gutiérrez (Cantabria) e con 2" de vantaxe sobre Mera. A sexta edición da Txuma baixará o pano este domingo con 62,5 quilómetros que arrancarán e rematarán en Erandio Goikoa. A partir das 11:30 horas os corredores transitarán polos tradicionais oitos de La Campa Erandio, co Premio da Montaña ubicado no Hospital Quiron e as Metas Volantes en Erandio ao paso pola ría.

Clasificacións