Édgar Carballo e Bárbara Iglesias venceron no DHU do Pulpo Extreme





Modalidades: 

Velocidade, adrenalina, xiros, saltos e trucos espectaculares racharon a serena monotonía de Ourense. As rúas do Casco Vello convertéronse no percorrido do Descenso Urbano- Mercedes Benz (DHU) da segunda edición do Pulpo Extreme, baixo a atenta mirada de centos de espectadores que non perderon detalles das probas.

O acto de inauguración oficial contou coa participación do alcalde Ourense, Jesús Vázquez, e o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, entre outros. "O deporte está a tomar un novo camiño, o deporte urbano, o deporte co corazón, o deporte que percorre as cidades en actividades que hai anos eran impensables", apuntou Alejandro Blanco nunha demostración de unión entre o deporte extremo e o olimpismo.

Pola tarde, comezaron os descensos oficiais co son dos chifres precedendo á chegada dos riders e as aclamacións e aplausos para despedilos. Os 37 participantes montados nas súas bicicletas de descenso despregaron a súa maxia sobre ramplas e estruturas de peraltes, obsequiando ao público con todo o seu arsenal de piruetas baixo o atento son das táboas de madeira que conformaban os diferentes módulos.

O espectáculo comezou no miradoiro de Carmelitas poñendo a proba a coordinación dos deportistas no seu descenso polas escaleiras ata a praza de Los Suaves e finalizou coas vistas das Burgas. As escaleiras de meta foron o tramo máis intrincado para moitos. "É un intervalo moi longo de escaleiras moi empinadas e xustamente ao final tes que facer un xiro de 90º, bastante complicado se vés moi forte, hai que saber controlar a velocidade, a bicicleta e as distancias", explicou o rider Hugo Souto.

Os resultados da proba final outorgaron o terceiro posto a Toni Ferreiro do equipo Coruxo Mérida Bikes. O segundo clasificado foi o portugués José Borges. E o primeiro posto foi para Édgar Carballo González, gañador sete veces de O Marisquiño cun tempo de 1:09 minutos. Mentres que na modalidade mulleres o primeiro posto foi para Bárbara Iglesias. 

Fonte: La Región