Estefan González e Susana Alonso venceron no peche da Transgalaica en Vigo





A mosense Susana Alonso e o ourensán Estefan González impuxéronse este domingo na proba de maratón do Vigo Bike Contest, cita que pechaba o circuíto autonómico da modalidade coñecida como Transgalaica. A mañá foi perfecta no meteorolóxico nas inmediacións do parque Vixiador de Candeán, que acolleron unha competición que reuniu a máis de 200 ciclistas para dar conta dun percorrido de 54 quilómetros cun desnivel positivo de 1.200 metros.

Non houbo sorpresa algunha na categoría feminina. Susana Alonso, que recentemente reeditou o seu título de campioa de España de ultramaratón, mostrouse moi superior as súas sete rivais. Desde un primeiro momento fixo a súa propia carreira e acabou sendo a única muller en meta por baixo das tres horas (2 h53.21.004). Vinte minutos despois entrou a súa máis inmediata perseguidora, Isabel de Picoaga, a gran dominadora do circuíto Transgalaica con vitoria en tres das catro probas previas. O podio completouno Silvia Blanco.

Na categoría masculina houbo moito máis movemento. Co líder da Transgalaica, Javier Busto, afectado de gripe e pendente de sumar os apenas 20 puntos que necesitaba asegurar para gañar o circuíto, foron outros os que asumiron o protagonismo. Do grupo de cabeza foise o vigués Samuel González tras os primeiros 28 quilómetros e mantívose na cabeza ata que faltaban tres. Por detrás organizáronse para darlle caza e despois aproveitáronse das súas cambras.

Finalmente, a vitoria quedaba para o trío formado por Esteban Sánchez, Manuel Casuso e Estefan González. Este último, o máis novo con 21 anos, foi o vencedor por diante de Sánchez e Casuso. En canto ao circuíto, Javier Busto e Isabel de Picoaga certificaron os seus títulos.

 

Fonte: Atlántico Diario

Foto: Extol - La Gramola Team 

Documentos: