Europeo de Ultramaratón: Márquez remontou ata a cuarta praza e Barreira impúxose nas masters





A duodécima edición da Pedals del Foc Non Stop exerceu de primeiro Campionato de Europa de Ultramaratón e dous bikers galegos deixaron o seu selo entre os mellores. O elite Brandan Marquez, coas cores da selección española, asinou unha espectacular remonta despois dun inicio ateigado de problemas mecánicos e rematou cuarto. Tamén no top-5, neste caso quinta, finalizou  Teresa Barreira na clasificación absoluta feminina e a corredora do Castropol Deporte foi a primeira e única muller máster en cruzar a liña de meta. 

A proba de 213 quilómetros e 6.200 metros de desnivel positivo contou coa presenza de 650 participantes de 13 nacionalidades, que tomaron a saída ás 5 da mañá cunhas condicións meteorolóxicas mellores que as previstas, temperatura agradable e variación de sol e nubes pero sen choiva.

A carreira, que rodea o Parque Nacional de Aigüestortes e Estany de Sant Maurici, desenvolveuse segundo o previsto na categoría masculina, con todos os favoritos encabeando a mesma ata a baixada a Vilaller, onde o actual gañador da proba Brandan Márquez picaba e perdía no primeiro control de paso 25' co grupo dianteiro. O galego emprendía desde ese momento unha remonta memorable que lle levaría a terminar a carreira en cuarta posición. O biker do Gexa / X-Sauce completou o percorrido en 10:31:16, a 13 minutos do gañador Joseba Albizu (Lagun Onak).

Na competición feminina Teresa Barreira marchaba na segunda praza ao cumprirse as dúas primeiras horas. Ata a metade da carreira chegou no terceiro posto, pero non puido aferrarse ao podio e acabou loitando por ser cuarta. Esa posición escapouselle por cerca de tres minutos no man a man con Anna Bello (Team Blue).

A galega do Castropol Deporte marcou un tempo de 14:58:52, a 1 hora e 25 minutos da vencedora Sandra Jordá (Orbea). Ningunha outra máster conseguiu culminar a Pedals del Foc Non Stop, polo que Barreira obtivo a vitoria no europeo da súa categoría. 

Clasificacións

Marco Veiga, na Copa do Mundo DHI

Outra experiencia ao máximo nivel protagonizou Marco Veiga coa selección española na Copa do Mundo de Descenso en Vallnord (Andorra). O rider elite do Ciclos Quintena participou na quenda clasificatoria. Cun rexistro de 04:55.537 ocupou a 122ª posición, un resultado que non lle permitiu acceder á final. 

Clasificación