A Federación Galega de Ciclismo pide modificar varios aspectos da Fase 1





Tema: 

A Federación Galega de Ciclismo solicita variar algúns puntos da Fase 1 da desescalada que entrou en vigor este luns en todo o territorio da comunidade autónoma galega. No escrito enviado a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ademais de pedir máis claridade e precisión nos criterios e de recibir a información con maior antelación para poder trasladarlla con tempo suficiente aos seus usuarios, sinálanse tres aspectos do Real Decreto que afectan á mobilidade dos ciclistas.

En primeiro lugar, solicítase que se teña a ben modificar as franxas horarias debido a unha cuestión de seguridade na saída e na posta do sol. A FGC considera que sería máis seguro para os ciclista poder practicar o seu deporte ao aire libre dende as 07:00 horas ata as 11:00 e polas tardes de 19:00 a 22:00.

Por outra banda, a federación autonómica considera que os e as ciclistas elite e sub-23 deben ter as mesmas condicións que os e as corredores/as profesionais, DAN (Deportistas de Alto Nivel) e DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nive).

Ademais, a FGC esixe que o resto de ciclistas con licenza federativa poidan practicar o seu deporte a nivel provincial, ao estar actualmente limitados ao seu municipio de residencia.

A petición da federación galega coincide coa realizada por outros entes federativos de autonomías que tamén se atopan na Fase 1.