Feijoo divírtese no seu xardín de Maceda e estréase na Copa Galicia XCO





Exercendo de anfitrión Iván Feijoo non deu ningunha opción aos seus rivais no XI BTT de Maceda. Nun circuíto que coñece como a palma da súa man, o sub23 do Academia Postal-Maceda ofreceu unha exhibición na penúltima xornada puntuable da Copa Galicia XCO. O alaricano foi un dos 136 bikers que competiron o pasado sábado nesta cita clásica do calendario autonómico. 

Entre as mulleres a sub23 Irene Trabazo (XSM) tampouco tivo ningún problema para impoñerse na carreira raíña feminina e o cadro de gañadores da proba organizada polo Clube Ciclista Maceda completárono Laura García (Jonny Bike) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Noela Saa (Academia Postal-Maceda) e Xoel Montes (Avanza) en juniors, Diana Blanco (Barbanzabike) e Jorge Punzón (Cosmos) en elites, Rubén Deaño (Grupeta Pan de Zarko) nos máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos máster-40 e Francisco Xavier López (MTC) nos máster-50/60. 

Xa sexa sede do Campionato de España, do Open de España, do Campionato de Galicia ou da Copa autonómica, Maceda nunca defrauda aos participantes. Sempre está garantido un gran ambiente e nesta ocasión acompañou o bo tempo para a disputa da proba coa que arranca o treito final da temporada de cross country olímpico. 

O circuíto deseñado polo seu club ten visto a evolución de Feijoo. Subcampión de España júnior no 2016 neste mesmo escenario, o alaricano defíneo como un trazado "rápido e esixente. Cambiaron zonas, pero segue sendo a mesma esencia. As subidas son curtas e duras, e no resto pódese apertar moito".

So houbo que agardar á metade da primeira volta para que o gran favorito se marchara en solitario na carreira elite e sub23. A partir de aí foi aumentando a súa vantaxe ata vencer cunha diferenza de 2 minutos e 52 segundos sobre Jorge Punzón, segundo clasificado e primeiro elite. A terceira praza na táboa absoluta ocupouna o elite Alberto Pedreira (Bici Verde). "Sentinme cómodo e os ánimos axudan moito", sinalou Feijoo, que non participara nas cinco xornadas anteriores da Copa Galicia XCO. 

 

Cadetes

Este certame autonómico rematará o 7 de xullo en Poio para todas as categorías excepto para as de cadetes, que xa baixaron o pano en Maceda. A coincidencia da última xornada da Copa cos Campionatos de España Escolares, que se celebrarán na Comunidade Valenciana, obrigou a adiantar a resolución.

Nas rapazas Laura Capa (Aleata-Farto) proclamouse gañadora do ranking por diante de Laura María Mira (Redondela) e Laura Fernández (2.0 Sport Team), segunda e terceira respectivamente, mentres que na clasificación masculina impúxose Miguel Rodríguez, con Anxo Carril (Coruxo) como subcampión e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos) na terceira praza. 

No resto de grupos de idade chegarán vestidos de líderes á xornada final Andrea García (Academia Postal-Maceda) e Xoel Montes en júniors, Irene Trabazo e Pablo Álvarez (Cambre Caeiro) en sub23, Desiree Fernández (RSBike) e Jorge Punzón en elites, Diego Rey (Tambre Bike) nos máster-30, Marcos Mayo (Noela) nos máster-40, Rocío Blanco (A Forna) nas máster e Carlos Otero (BTT Fene) nos máster-50/60. 

A Copa Galicia XCO despediuse por este ano de Maceda cunha entrega de premios na que participaron Rubén Quintas, alcalde desta localidade; Xulio Conde, representando ao club organizador; Gerardo Aragonés, de Renault; Celso Sánchez, médico da proba; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

 

Foto: Luz Iglesias

 

Documentos: