Feijoo fai historia para o ciclismo galego cun sexto posto no Mundial de Ciclocrós de Dübendorf





O alaricano Iván Feijoo asinou este sábado unha nova páxina no libro de ouro da historia do ciclismo galego. O dobre campión de España Sub-23 de ciclocrós acadou a sexta posición no Mundial que está disputando na localidade suíza de Dübendorf. É o seu segundo Top-10 nun Campionato do Mundo desta disciplina despois da oitava praza lograda no 2016 cando era júnior. 

O ourensán foi o ciclista español máis destacado nesta primeira xornada de competición na cidade que pertence ao cantón de Zúrich. Feijóo, que chegaba a Suíza con grandes sensacións tras coroarse en Pontevedra campión de España sub-23 e conquistar dous top-10 nas dúas últimas Copas do Mundo, saíu decidido a loitar polas prazas de privilexio.

Cos mellores case desde o inicio, o de Allariz perdería o tren que loitaba polas medallas tras unha saída de cadea que o apartaba do grupo de cabeza. Con todo, demostraba unhas sensacionais pernas para aos poucos ir superando rivais ata establecerse na sexta posición que ocuparía finalmente, a 1:32 do gañador Ryan Kamp (Países Baixos).

“A verdade é que o circuíto era das miñas características, adaptábaseme moi ben. Na saída puiden salvar unha caída bastante grande, coloqueime sobre o 14, xa na segunda volta estaba a rodar sexto. Logo estiven a piques de engancharme ao grupo que pelexaba polas medallas, pero tiven unha saída de cadea que me relegou ata a oitava praza. As últimas catro voltas foron de remar ata conseguir un bonito sexto posto”, declarou Feijoo.

Canal e Trabazo

Outro galego tomou a saída na carreira sub-23. No seu primeiro ano na categoría, o limiao Carlos Canal non finalizou a proba. A representación autonómica completarase este domingo coa marinense Irene Trabazo defendendo o maillot da selección española na competición sub-23 feminina (13:00 horas).

Máis información