A feira da bicicleta, Atlantic Bike Vigo, apraza a 2018 o seu lanzamento





Tema: 

Atlantic Bike Vigo esperará a 2018 para celebrar a súa primeira edición. A proximidade en datas con outros festivais / feiras do sector a nivel internacional e a falta de tempo das empresas do sector para planificar a súa presenza, aconsellaron á dirección da empresa organizadora, Global Iniciativas Empresariais S.L, a tomar esta decisión.

Para a súa directora, Raquel Robledo, atrasala un ano, "permitiranos fundamentar a oferta expositora e facilitar a presenza de expositores que, doutra forma, non puidesen asistir a Atlantic Bike Vigo por compromisos feirais xa comprometidos". Para Raquel Robledo, atrasar un ano a feira permitirá á organización consolidar a súa oferta feiral "cunha presenza real de novidades no mundo da bicicleta e todos os seus complementos".

A decisión de aprazar a feira da bicicleta tomouse de acordo cos expositores que xa confirmaran a súa participación, fabricantes e distribuidores, así como coas federacións que comprometeran o seu apoio á Atlantic Bike Vigo, compromiso que manterán de fronte ao ano próximo.

Atlantic Bike Vigo tiña previsto celebrar a súa primeira edición en Vigo no mes de xuño como único escaparate en Galicia para o mundo da bicicleta coa presenza de marcas de bicicletas, roupa e moda de ciclismo, complementos e accesorios, cicloturismo, tecnoloxía e biomecánica aplicadas ao ciclismo, saúde e nutrición, novos produtos, competicións e clubs, entre outros sectores.

Pola súa inmellorable localización, a cidade de Vigo ofrece ao mundo da bicicleta un perfecto balcón ao Norte de Portugal, tradicionalmente ligado á cidade por intangibles culturais, económicos e de acerbo social, cuxa oferta atraerá a visitantes e empresas lusas.

O salón Atlántic Bike 2018 converterase en punto de encontro de profesionais e afeccionados á bicicleta, en todas as súas modalidades, converténdose na plataforma de presentación de novos produtos e servizos, que facilita a comunicación efectiva da imaxe da empresa, e consolida eficazmente os contactos e clientes presentes e futuros

A organización da Atlantic Bike Vigo comunicará en breve as datas de celebración deste evento, pioneiro en Galicia, que se dirixirá ao noroeste peninsular.

Fonte: Juan Dapena / Comunicación