A FGC repartirá 600 chalecos e 200 cascos entre os clubes con categorías base





Coa inestimable colaboración da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Ciclismo distribuirá 600 chalecos e 200 cascos entre os clubes con licenzas de categorías base. Esta iniciativa enmarcada na campaña #eufágomever púxose en marcha coa entrega destes elementos de seguridade ás rapazas e aos rapaces do CC Carballo e do CC Betanzos. 

O chaleco é de cor amarela fluorescente e ten reflectantes para facer máis visible ao ciclista, tamén en situacións de menos luz. Na parte traseira leva inscrita a separación lateral obrigatoria de 1,5 metros que deben deixar os vehículos cando rebasen á persoa que circula en bicicleta, co lema “Eu fágome ver”. 

A FGC e a Xunta de Galicia veñen colaborando para facer chegar aos usuarios máis vulnerables, neste caso aos corredores e corredoras máis novos dos clubes, as medidas máis adecuadas para a súa protección e para poder previr posibles accidentes.

A iniciativa ten como obxectivo acadar a redución dos riscos nas estradas pero, sobre todo, lograr o respecto mutuo entre todos os seus usuarios.