A fin de semana de ciclocrós en Pontevedra ábrese con Paula Díaz e Saúl López triunfando na Copa Galicia





Modalidades: 

Co IV Ciclocrós Concello de Pontevedra deu inicio este sábado a fin de semana de bicicletas e barro na cidade do Lérez. A elite asturiana Paula Díaz (Río Miera) e o elite monfortino Saúl López (Maceda) foron os grandes triunfadores na sétima xornada puntuable da Copa Galicia, unha cita que serviu de antesala para a proba da Copa de España que se celebrará este domingo.

O hipódromo de Campañó acolleu esta proba organizada polo Club Deportivo Pinarium na que tamén subiron ao máis alto do podio como gañadores nas súas categorías Laura Mira (Redondela) e Iván Fernández (Avanza) en cadetes, Aroa Mediavilla (Cambre) e Jorge Fernández (Ponteareas) en juniors, Carla Fernández (Río Miera) e Adrián Barros (G.D. Froiz) en sub23, Miguel Valles (Zymko) e Rocío Blanco (A Forna) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Israel Castañeda en máster-40, Antonio Moreira nos máster-50 e Abelardo Martínez (Carlet) nos máster-60.

Os 150 puntos acadados pola súa vitoria na carreira elite e sub-23 masculina permitíronlle a Saúl López colocarse como novo líder da Copa Galicia. O representante do Maceda venceu en Campañó cun tempo de 58 minutos e 41 segundos, batendo por 58” ao sub-23 Adrián Barros. O elite Luis Fernández Oliveira (Avanza) cruzou a liña de meta en terceira posición, a 1:28 do gañador.

A vitoria na proba raíña feminina correspondeulle a Paula Díaz. Ao igual que moitas e moitos ciclistas chegadas e chegados dende fóra de Galicia, a corredora asturiana aproveitou esta xornada da Copa autonómica para preparar a cita deste domingo do certame estatal. Inverteu 44 minutos xustos para asinar o seu triunfo, mentres que a súa compañeira de equipo Carla Fernández rubricou o dobrete do Río Miera rematando a 1:39 e batendo nos últimos metros á elite María Jesús Barros (Spol).

 

Dous novos líderes

Saúl López non foi o único que asaltou o máis alto do seu ranking. David Fernández (Avanza) fixo o mesmo na táboa júnior. No resto de categorías continúan lucindo os maillots de líderes da Copa Galicia: Laura Mira e André Martínez en cadetes, Laura Capa (Aleata-Farto) nas juniors, Carla Fernández e Ángel Maneiro (Toxo) en sub-23, Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites, Rocío Blanco e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Manuel Armada (Cidade de Santiago) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

A cerimonia de podio contou coa presenza de Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra; de Pablo Beis, por parte do C.D. Pinarium; de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e de Óscar Sánchez, directivo da FGC.

A Copa Galicia regresará o vindeiro venres coa súa oitava xornada en Boiro, pero antes o espectáculo da Copa de España tomará este domingo, dende as 09:00 horas, o circuíto da Illa das Esculturas en Pontevedra.

Documentos: