Galicia acode cunha selección de garantías ao Campionato de España de XCM





Seis contrastados bikers lucirán os maillots da Selección de Galicia este sábado no Campionato de España de cross country maratón (XCM) que se celebra na localidade malagueña de Alhaurín de la Torre. O combinado autonómico desprázase ata terras andaluzas coa ambición de protagonizar unha actuación similar á do pasado ano, cando sumou catro medallas.

Brandan Márquez será o representante galego na categoría elite. O corredor do Gexa / X-Sauce proclamouse esta campaña gañador do Open de España de Ultramaratón e rematou cuarto no europeo desa especialidade . Xunto ao vigués estará o master-30 Javier Busto, que está vivindo un curso redondo. Ao longo deste 2017 o lalinense do Extol – La Gramola Team obtivo o triunfo no Campionato de Europa master-35 de XCM e no Open de España master-30 desta mesma modalidade.

O conxunto masculino complétano dous masters-40. Miguel Ángel Arias, do Extol – La Gramola Team, subiu no 2016 ao podio da gran cita estatal para recoller o bronce e este ano asinou a segunda posición no Open de España, mentres que Alejandro Trasbach, do Racing Cycling, chega avalado polo título autonómico acadado esta campaña na súa categoría e pola cuarta praza que ocupou no Campionato de España de XCO. 

En canto ás mulleres, Teresa Barreira defenderá a coroa que se adxudicou no 2016 no circuíto catalán de Aviá, onde encabezou o triplete galego na clasificación master-40. A biker do Castropolo Deporte, que tamén é a actual raíña europea master-40 de Ultramaratón, terá nesta ocasión como compañeira á master-30 Isabel de Picoaga, do 7 Voltas, vixente campioa autonómica do seu grupo de idade.

Este sábado na liña de saída está prevista a presenza de 800 participantes para percorrer os 70 quilómetros da V Maratón MTB – Alhaurín de la Torre – Jarapoles, un evento no que se porán en xogo os títulos estatais. O trazado desta proba alcanza un desnivel positivo acumulado de 2.800 metros. O pistoletazo inicial darase as 09:00 horas.