Galicia busca repetir fazañas dende este sábado no Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra





Ás 09:00 horas deste sábado darase o bandeirazo inicial ao Campionato de España de Ciclocrós 2020, a cita máis agardada no calendario invernal do ciclismo e que por segundo ano consecutivo ten como escenario Pontevedra. A Illa das Esculturas vive dende este venres unha invasión de bicicletas. Preto de mil corredores, récord histórico de participación, rodarán polo trazado ao carón do río Lérez na procura das coroas estatais.

Galicia soña con repetir as fazañas logradas no 2019. Hai doce meses o botín acadado polos ciclistas anfitrións foi de catro medallas de ouro, dúas de prata e dúas de bronce. O listón está moi alto, pero a ‘armada local’ conta cunha ampla nómina de candidatos a subir ao podio.

Lucindo as cores do combinado galego darán pedais sobre o barro os 35 convocados polo seleccionador Guillermo Sande das categorías Cadete, Júnior, Sub-23 e Elite. Nesta lista destaca o peso do ciclismo feminino: sete rapazas cadetes, seis juniors e catro sub-23.  A elas e a eles haberá que engadir os ciclistas dos grupos de idade Máster que opten por competir co maillot autonómico tras ter cumprido os requisitos deportivos marcados polo equipo técnico da federación.

A Selección concentrouse este venres en Pontevedra e antes de realizar os adestramentos libres participou nunha recepción brindada polas autoridades locais no Teatro Principal. A este acto asistiron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade; Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes da Deputación de Pontevedra; Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Seis carreiras

A primeira xornada de competición comeza con protagonismo para as categorías Máster. Os encargados de abrir o campionato serán os corredores dos grupos de idade 50/60. De seguido, entrarán en escena os máster-40 (10:20) e os máster-30 (11:45), mentres que a quenda das primeiras mulleres chegará ás 12:50 coa posta en marcha das cadetes e das masters.

Despois da paréntese do mediodía, a acción regresará ao circuíto da Illa das Esculturas ás 15:30 coa proba cadete masculina e a continuación (16:20) loitarán polo maillot de campión de España os rapaces juniors. O broche a este primeiro día porase coa Carreira de Promoción (17:10), unha actividade non competitiva e que se realiza para fomentar o ciclocrós entre os cativos e cativas.

 

Convocatoria da Selección de Galicia:

-Cadete masculino: Ricardo Buba, Iván Fernández, André Martínez, Álex Esperón, Andrés Valverde, Hugo Martínez.

-Cadete feminino: Laura Mira, Uxía Soto, Sarela Conde, Claudia Pérez, Sonia Domínguez, Vania Gregores, Marta García.

-Júnior masculino: Miguel Rodríguez, Zoe del Río, Anxo Carril, Jorge Fernández, David Fernández, Fabián Rodríguez, Borja Gómez.

-Júnior feminino: Noela Saa, Laura Capa, Zaira Vila, Aroa Mediavilla, Yraya Groba, Aida González.

-Sub-23 masculino: Adrián Barros, Ángel Maneiro, Óscar Fernández.

-Sub-23 feminino: Carla Fernández, Marta Vila, Zaida González, Andrea García.

-Elite masculino: Saúl López, Daniel López.