Galicia, campioa de España de Team Relay





A Selección de Galicia conquistou o primeiro título que había en xogo nos Campionatos de España de XCO- XCE- TR de Arguedas, que arrincaron este venres coa disputa dunha emocionante proba de Team Relay que estivo marcada pola avaría que sufriu Catalunya cando apenas se disputaran 200 metros e a súa posterior descualificación por asistencia mecánica irregular. A decisión dos árbitros, que foi aceptada con gran deportividade polo combinado catalán, deixou finalmente un podio composto por Galicia como campioa estatal, e con Andalucía, segunda, e Comunidade Valenciana, terceira.

Doce seleccións autonómicas aliñáronse ás 18:00 horas, baixo unha calor de xustiza, na liña de saída para inaugurar este Campionato de España que se celebra en territorio navarro. Nunha contorna espectacular deseñouse un esixente e técnico percorrido que permitiu desde os compases iniciais marcar diferenzas ao júnior Carlos Canal, que foi o primeiro remudista de Galicia.

O limiao terminou a primeira posta con 45” de vantaxe con respecto á Rioja e Castilla-La Mancha, que ocupaban as segunda e terceira posición respectivamente, mentres que Catalunya viaxaba en quinta praza a máis de 1’30” despois de que Cristofer Bosque sufrise pouco despois de darse a saída unha avaría que tardou en reparar máis dun minuto.

O elite Jorge Punzón foi o segundo integrante do combinado de Galicia en entrar en acción e rematou a súa participación con 10 segundos de vantaxe sobre o representante de Andalucía. Atravesado o ecuador da proba, a elite Lara Lois viuse adiantada polo rioxano Sergio Rodríguez, que abriu un oco de 37 segundos en relación ao combinado galego e ao catalán, que comezaron prácticamente á par a última volta.

María Ezquerro, a última relevista rioxana, foi rapidamente capturada polos sub23 Iván Feijoo e Jofre Cullell, que pugnaron polo ouro nun bonito man a man que o catalán desequilibrou ao seu favor grazas a un frenético ritmo. Cullell demostrou porque é un dos bikers máis prometedores do mundo asinando un xiro espectacular que lle permitiu cruzar a meta en primeira con máis de 50” de vantaxe sobre o alaricano. 

Descualificación

Finalmente, e tras reunirse cos equipos participantes, o comité de árbitros decidiu descualificar a Catalunya debido a que durante esa avaría inicial que sufriu Cristofer Bosque produciuse unha asistencia mecánica irregular. Polo que o ouro pasou a mans de Galicia que recibiu a noticia con alegría despois do gran esforzo realizado. “Foi un gran labor de equipo e estamos moi contentos co resultado”, explicou Carlos Canle desde o podio en referencia ao traballo realizado xunto a Iván Feijoo, Lara Lois e Jorge Punzón.

Foto: Yaiza Fernández

Documentos: