Galicia defende a súa hexemonía no Campionato de España de BTT Enduro





Esta fin de semana na localidade madrileña de El Atazar poranse en xogo os títulos de campións de España 2017 de BTT Enduro. A gran cita estatal desta modalidade celebra a súa cuarta edición e os riders galegos foron os grandes dominadores nos últimos anos. Sirva como exemplo o acontecido a temporada pasada en Villanúa, onde colleitaron tres medallas de ouro e dúas de prata. 

Nesta ocasión a Selección de Galicia desprazarase cun equipo formado por sete corredores, todos eles avalados polas súas traxectorias e polos resultados asinados durante esta campaña. O elite Rubén Rodríguez, do Condado Bike, acumulou este curso tres subcampionatos: do Open de España, do Campionato de Galicia e do Open de Galicia - Anova. 

Na categoría junior, o combinado autonómico confía no tándem formado por Nicolás Carrera (Coruxo) e Pedro Gonzalo (Bici Verde). O primeiro adxudicouse o Open de España, o Campionato de Galicia e rematou segundo na xeral do Open de Galicia, mentres que o segundo levouse o título do Open autonómico e finalizou segundo no Campionato. 

En canto aos masters-30, a Selección presenta ao actual posuídor da coroa estatal e ao subcampión. Tony Pérez (Condado Bike) leva un pleno de triunfos desde a primeira edición deste campionato. Esta temporada ocupou a segunda praza no Open de España e venceu tanto no Open como no Campionato de Galicia, superando en ambas competicións a Borja Caneiro (DH Galicia), co que esta vez compartirá equipo.

Pola súa banda,Roberto Rodríguez (Del Mar de Mugardos),  subcampión do Open autonómico, participará na proba master-40 e Jose Carlos Táboas (Quebici-Marcisport) será un dos grandes favoritos nos masters-50/60. É o actual subcampión de España e adxudicouse neste 2017 o Campionato e o Open de Galicia. 

A representación galega neste evento completarase con outros riders que defenderán as cores dos seus equipos. Entre eles sobresae Tony Ferreiro (Coruxo), que buscará revalidar un ano máis o título elite. Ademais, tamén estarán na liña de saída os elites Pablo Míguez (Bici O Con) e Óscar Martínez del Campo (Xtrembike), e os masters-40 José Manuel López Vaqueiro (Más Enduro) e Marcos Balbuena (Bici O Con).

No capítulo de ausencias apuntar a da vixente campioa elite Desiree Duarte, que por motivos persoais non acode a esta cita, e a de Mauro González, actual campión de Galicia elite.

A actividade de xeito oficial na serra norte madrileña comezará o sábado co recoñecemento do percorrido desta Atazar Xtrem 2017. O domingo chegará a quenda da competición e desde as 08:00 horas da mañá os corredores disputarán unha proba que consta de catro treitos cronometrados.