A Gran Bikedada celebrou con éxito e bo tempo a súa cuarta edición





Modalidades: 

A Gran Bikedada celebrou con gran éxito a súa cuarta edición. Cunha inscrición de 515 ciclistas o paseo de Montero Ríos poboouse de ciclista cando apenas rompera a luz do día. Ás nove a mañá as bicicletas enchían por completo o magnífico marco. Dando a saída atopábase o concelleiro de deportes do Concello de Vigo. 
Pouco despois das 9, a ritmo de rock, os ciclistas arrincaban para vivir A Gran Bikedada 2017. A primeira liña formábana Lucía Vázquez, dorsal 1 nesta edicion, Susana Alonso, Álvaro Pino, Gonzalo Aguiar e  Miguel Galego.
Nun pelotón tan numeroso, as expectativas e os obxectivos eran moi variados. Habíaos que ían moi pendentes do crono. Entre eses destacou Abel Rollano, que estableceu entre punto e punto de cronometraxe un tempo de 2-55-58. O mesmo rexistro marcou José Manuel Fernández. 
Hainos que quixeron ir máis lonxe do habitual na distancia, empregando máis do dobre de tempo que os anteriores e 7 horas en cubrir o percorrido longo, porque a proba presenta opcións de medio fondo, fondo e gran Fondo. O obxectivo é atopar A Gran Bikedada que se axusta ao reto de cada cal, sempre co fin de ir  "máis lonxe".
A nota negativa produciuse coa caída de Sindo Álvarez, que lle ocasionou unha fractura de clavícula. O accidente ocorría dentro do municipio de Redondela, concretamente na parroquia de Reboreda, cando levaban percorridos uns 25 quilómetros, dos 94,6 da proba. Polo demais non houbo outras incidencias dignas de mención nunha proba organizativa complexa a través de catro municipios.
Como en edicións anteriores, Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Concello  de Redondela e Concello de Fornelos de Montes colaboraron na proba, que organiza Social Ciclismo Fan Manager en colaboración con C. C. Vigués, C. C. Teis, C. C. Coruxo, C. C. Spol, C. C. Lamprea e Federación Galega de Ciclismo. 
Os premios da proba ao ciclista masculino e fenemino  da proba  recaeu en Rafa Pauner, de Barcelona; e Inés Cornide, de Narón. O equipo con maior número de participantes foi Os do Monte Bravo, de Teo; e o equipo con maior representación feminina foi o Btt Esmelle, de Narón. Todo iso impregnado nun aroma de chourizos asados, que levantaba o apetito.
A Gran Bikedada  deu un gran paso camiño da súa consolidación na procura dun espazo novo no calendario do Btt , cun formato de clásica.

Fonte: Social Ciclismo Fan Manager