Guillermo García, 39º no Campionato do Mundo de contrarreloxo junior





O debut de Guillermo García Janeiro no Campionato do Mundo de Ciclismo que se está disputando na cidade norueguesa de Bergen non foi o esperado.

O ciclista pontevedrés viu limitado o seu rendemento por mor dun arrefriado na contrarreloxo junior do Mundial, na que era o único representante español tras lograr hai poucas semanas o ouro no campionato estatal.

García Janeiro recoñeceu tras a proba, en declaracións á Real Federación Española de Ciclismo, que a enfermidade "obviamente pasoume factura, custábame respirar no peito pero o fixemos o mellorr posible".

De feito "se non fora polo maldito resfriado ao mejor podería ter feito o top-10 tan desexado", sinalou en relación aos obxectivos cos que chegaba a Bergen.

A pesar diso o deportista do Bathco cántabro realizou un digno papel na contrarreloxo, finalizando no posto 39 de entre os 78 corredores participantes ao completar os 21,1 quilómetros de percorrido cun tempo de 29 minutos e 53 segundos, a 1'51'' do vencedor, o británico Thomas Pidcock.

A participación de Guillermo García no Mundial non fixo máis que comezar, xa que o próximo día 23 tomará parte na proba de fondo en estrada xunto a Carlos García (Fundación Contador), e Ramón Díaz (Fundación Sastre).

Toca polo tanto recuperar forzas e tentar deixar atrás os problemas físicos para chegar en mellores condicións. "Veremos o sábado se haberá moita máis guerra", declarou confiado o ciclista pontevedrés.

Fonte: Pontevedra Viva

Documentos: