A II BTT Ruta do Viño Rías Baixas espera acoller no Condado do Tea a 250 ciclistas o 22 de outubro





Modalidades: 

Juan Gil de Araujo, presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, incluída no Club de Producto de las Rutas del Vino de España, presidiu esta mañá a presentación da II BTT Ruta do Viño Rías Baixas. A cita desenvolverase o próximo 22 de outubro no municipio de Arbo e espera congregar a 250 amantes do ciclismo.

O presidente da asociación sen ánimo de lucro estivo acompañado neste acto polo alcalde de Arbo, Horacio Gil; o director de Márketing, Comunicación e Turismo do Grupo Corte Inglés en Galicia, Pati Blanco, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. Todos eles colaboran na posta en marcha desta cita deportiva que espera consolidarse como cita de referencia nos vindieros anos.

Na súa intervención, Gil de Araujo destacou que esta actividade persegue un dos obxectivos da Ruta do Viño Rías Baixas coas súas propostas de lecer "unir enoturismo e deporte. De aí xurdiu a idea de crear, o pasado ano, esta BTT. Tras o éxito rexistrado na súa primeira edición, decidimos darlle continuidade levando esta proba á subzona de Condado do Tea, e máis concretamente, ao concello de Arbo" indicou o presidente, que agradeceu a todos os presentes o apoio recibido para a posta en marcha desta cita.

As inscricións xa se poden realizar a través da web www.bttrutavinoriasbaixas.com. O prezo por dorsal é de 10 euros e inclúe todos os seguros, así como dous obsequios de recordo para os participantes: unha camiseta técnica e unha botella de viño de adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas.

Ao finalizar a carreira, entregaranse enopacks aos ciclistas de maior e menor idade, así como ao club con maior número de participantes e ao deportista que procede de máis lonxe. Estes agasallos consistirán, principalmente, en visitas a adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas.

Percorrido de 45 quilómetros e dificultade media

A II BTT Ruta do Viño Rías Baixas contará cun itinerario de 45 quilómetros e dificultade media, que discorrerá entre as adegas socias As Laxas, Pazo Pondal e Marqués de Vizhoja e viñedos. Esta proba supón, en palabras de Juan Gil de Araujo, "unha excelente oportunidade para coñecer o amplo potencial enoturístico do Condado a través dun percorrido patrimonio vitivinícola".

Desde a Ruta do Viño Rías Baixas tamén pensaron nos acompañantes dos participantes nesta BTT. Así, ofrecerase unha ruta de sendeirismo paralela, tamén polo municipio de Arbo, coa que poderán visitar, entre outros lugares, o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea ARABO.

Apoio do Grupo Corte Inglés

A iniciativa conta co patrocinio do Grupo Corte Inglés, representado neste acto por Pati Blanco. O director de Márketing en Galicia destacou que este apoio forma parte do convenio de colaboración asinado este ano co Consello Regulador e a Ruta do Viño Rías Baixas co fin de promover actividades enogastronómicas no territorio.

Así, desde O Corte Inglés encargaranse dos puntos de avituallamiento, así como doutras cuestións loxísticas desta segunda edición da BTT. Un paso máis cara ao obxectivo común de poñer en valor a ampla oferta enogastronomía na zona.